DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu futuro estará na docencia, o mundo editorial e, en xeral, a lingüística

Incorpóranse ao mercado laboral os primeiros graduados en Estudos de Galego e Español

A titulación púxose en marcha no curso 2009-2010 como unión das filoloxías galega e hispánica

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 20/06/2013

O seu futuro estará na docencia, o mundo editorial ou en calquera outro lugar onde sexa preciso o criterio dunha ou dun lingüista. Inquietas, curiosas e sensibles polas linguas, as literaturas e a cultura do país. Así son as 15 graduadas e un graduado da I Promoción do Grao en Estudos de Galego e Español, unha titulación que botou a andar no curso 2009-2010 froito da unión das antigas licenciaturas en Filoloxía Galega e Filoloxía Hispánica. Era unha aposta “nova, arriscada, pero moi atractiva”, dicía unha das tituladas intres antes de iniciar a súa graduación, “hoxe sabemos que non nos equivocamos”, reafirmaba outra. Entre clases, prácticas, exames, tarefas e resto de leas “incluídas tamén moitas risas, festas e bos momentos”, os catro anos pasaron máis rápido do que podía parecer e “hoxe, estamos aquí, todos xuntos, graduándonos”.

Neste data de festa non estiveron soas nin só. Acompañáronos boa parte do equipo de docentes que abriron con eles o camiño desta nova titulación e tamén os pais, nais, avós, irmás … “moi orgullosos deles”, dicía fachendosa unha nai, que non dubidou en afirmar a súa ledicia “por vivir con ela unha data tan especial que estou segura non vai esquecer por moito que pase o tempo e a vida a distancie, ou quizais non, do ámbito académico”.

“Consellos de padriño”

Entre nervios, risas e moita emoción escoitaron tamén con agarimo as verbas que lle dedicaron os dous profesores que elixiron como padriños: Alexandre Rodríguez Guerra e Antonio Chas. “A pesar da situación complicada tendes que pensar que segue habendo moitas oportunidades, que tendes que formarvos e ser capaces de transmitir todo o que aprendestes que é moito”, subliñoulles o profesor do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, Antonio Chas, que non dubidou en agradecerlles “terme elixido como padriño e permitirme acompañarvos deste xeito tan especial neste día”.

O amor pola palabra, a escritura, a lectura... serviu tamén de fío condutor a Alexandre R. Guerra, que, de xeito complementario ao profesor Chas, fixo unha reflexión individual de todos e cada un deles para facer fincapé nos seus puntos fortes e ofrecerlles algún “consello de padriño que nunca ven mal”.

Discurso e redes sociais

O acto de graduación contou tamén coa participación do profesor de Lingua Española Antonio Rifón, que impartiu unha lección maxistral na que botou unha ollada ao discurso e a crecente importancia das redes sociais. “As antigas metodoloxías e estudos como a filoloxía están sendo vítimas destes tempos de cambio”, subliñou Rifón, ao tempo que fixo fincapé en que os novos egresados “sodes os primeiros que vos beneficiades e sufrides eses cambios”.

Agora, nun momento no que a capacidade de computación creceu considerablemente, “a análise da linguaxe tamén ten que adaptarse”, indicoulles á nova xeración de lingüistas, ao tempo que lles lembrou que as redes ou grafos e as redes sociais son só un tipo de rede, “parécennos cousa de fai pouco tempo, pero o seu estudo naceu xa no século XVIII”.

A partir da análise da comparecencia de Feijóo no parlamento galego o 10 de marzo e das respostas dos voceiros da oposición aplicando a teoría de redes, o docente deu mostra de como as metodoloxías tradicionais da filoloxía poden iluminar as novas perspectivas xeradas por teorías alleas a elas, e esas novas metodoloxías poden axudar a completar e facilitar a resolución dos problemas formulados pola filoloxía.

“Podemos pois decantarnos por esquecer a tradición e perder os seus coñecementos, non atender as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e as outras metodoloxías, ou optar por unha fusión", recalcou Rifón.