DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa cifra ascende a 195 durante a primeira fase da campaña do curso 2011/2012

Increméntanse un 17% as doazóns de sangue no campus

En marzo as unidades do Centro de Transfusión de Galicia volverán á Universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 23/02/2012

Unha cita tradicional coa solidariedade no campus de Ourense é doar sangue nas unidades móbiles que periodicamente o Centro de Transfusión de Galicia instala nel. Durante a primeira fase da campaña de doazón do curso 2011-2012, que se desenvolveu de outubro a decembro, recolléronse un total de 195 doazóns. Esta cifra representa un incremento do 17,4% con respecto ao mesmo período do curso pasado e é un motivo de gran satisfacción para a comunidade universitaria, cada día máis concienciada coa importancia de axudar neste eido.

No conxunto das tres universidades galegas houbo durante esta primeira fase 3451 doazóns de sangue, o que supón unha taxa de 106 por cada 1000 alumnos e ano, unha cifra por riba da taxa media de Galicia. Neste contexto, no campus de Ourense realizáronse 195 doazóns fronte ás 166 recollidas no mesmo período do curso 2010/2011. A Escola Superior de Enxeñaría Informática encabeza a lista, con 49, seguida pola Facultade de Ciencias da Educación, con 34, e a Facultade de Historia, con 32.

Para aqueles que non puideron doar durante esta primeira fase ou para aqueles que xa estean en condicións de volver a facelo, desde marzo a maio as unidades do Centro de Transfusión de Galicia visitarán de novo as facultades e escolas universitarias dos sete campus galegos coa esperanza de que o colectivo universitario demostre novamente o seu espírito solidario. Como en anteriores ocasións, nesta fase impartirán charlas de 5-10 minutos e distribuirán o material informativo necesario para que estudantes, docentes, investigadores e persoal de administración e servizos sexan conscienten da importancia da súa participación.

Un acto seguro e sinxelo

Segundo os datos do Centro de Transfusión de Galicia e a Consellería de Sanidade, para que os hospitais galegos poidan levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial é preciso obter cada día preto de 500 doazóns de sangue. Ademais, estímase que en Galicia se precisarán no ano 2012 máis de 123.000 para cubrir todas as necesidades dos hospitais. Dúas importantes cifras que moven ás autoridades sanitarias e académicas a agradecer a solidariedade dos doantes da primeira fase e a facer un chamamento para participar unha vez máis na campaña que está a piques de comezar.

Entre outras cuestións, doar, salientan, é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para que moitos enfermos se poidan curar, podendo facelo todas as persoas maiores de 18 anos cunha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue, como hepatite B ou C, sida ou sífile. Os homes poden facelo un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3 veces, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses.