DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os gañadores dos Premios Incuvi-Emprende beneficiaranse dun local durante un ano

A incubadora de proxectos empresariais busca novos inquilinos

As seis iniciativas premiadas na pasada edición buscan consolidar as súas oportunidades de negocio

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/11/2012
Converter ideas e coñecemento en negocio, en empresas viables que se asenten na transferencia de coñecemento da Universidade á sociedade e ao tecido industrial e económico. Con este obxectivo naceu hai un ano a pre-incubadora da Universidade de Vigo, Incuvi. Agora os seus seis primeiros inquilinos comezan a pensar en enfrontarse ao mundo empresarial sen o paraugas da institución académica para deixar paso á nova fornada de emprendedores que ocuparán o seu lugar a través da segunda edición dos Premios Incuvi-Emprende. Os proxectos gañadores deste certame ocuparán os seis espazos dispoñibles na incubadora viguesa e outros dous na sede da Asociación de Jóvenes Empresarios na cidade de Pontevedra, novidade desta edición. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 10 de decembro.

Fomentando o espírito emprendedor

Posta en marcha pola Vicerreitoría de Transferencia de Coñecemento, a incubadora trata de arroupar e fornecer as ideas innovadoras para convertelas en novos proxectos empresariais, fomentando o emprendedurismo entre os estudantes universitarios e poñendo en valor os seus coñecementos. O vicerreitor José Antonio Vilán explica que a primeira edición, con seis empresas nos espazos da incubadora, “foi todo un éxito, non só pola afluencia de solicitudes, senón pola calidade das mesmas”. Os seis proxectos seleccionados foron elixidos entre 21 propostas empresariais de case todos os eidos do coñecemento e durante o último ano, os seus responsables participaron en xornadas, cursos e seminarios “para axudalos no perfeccionamento da xestión eficiente da empresa, a busca de oportunidades de mercado, etc.” co apoio da Área de Emprego da Universidade, a Fundación Universidade de Vigo e Cidade Universitaria.

Seis pioneiros que comezan a levantar voo

A comezos deste ano os once promotores das seis iniciativas emprendedoras gañadoras dos primeiros Premios Incuvi-Emprende comezaron a tomar posesión do que sería a primeira sede da súas empresas. Estes seis proxectos teñen en común un perfil principalmente tecnolóxico e enxeñeiro e van dende a democratización da domótica á mellora da comunicación entre empresas e clientes a través das páxinas web, pasando pola sinalización con autonomía enerxética para estradas con puntos negros ou con pouca visibilidade. Outros dos negocios céntranse no desenvolvemento de aplicacións para IPhone ou Android, a unión a través das novas tecnoloxías de familias e educadores de centros para cativos de entre 0 e 6 anos e a comercialización de produtos orientados aos picosatélites Cubesat.

Neste tempo, traballaron no plan de negocio, as oportunidades comerciais, na viabilidade económica, na procura de clientes, etc. Agora, tras as portas da incubadora, está o mundo real. O vicerreitor de Transferencia do Coñecemento valora moi positivamente a experiencia destes emprendedores e destaca que “todos tiveron unha evolución positiva, a pesar do momento tan duro que estamos a vivir, e isto é todo un éxito”. Apunta que, aínda que é difícil prever a posibilidade de continuidade das empresas, ten xa constancia de que algunhas delas están buscando un novo local e oportunidades para continuar co labor emprendido a través deste premio.

Oportunidades na crise

A conxuntura económica actual ten que ser vista, segundo Vilán, como unha oportunidade e non tanto como unha barreira xa que o autoemprego é unha das poucas alternativas para capear a crise. Por iso destaca que o emprendemento e o autoemprego son “a única vía para loitar contra o paro, un mal endémico que agora mesmo se torna terrorífico” nunha contorna na que grandes empresas e multinacionais despiden empregados. Mentres, existen múltiples exemplos de emprendedores que, a pequena escala, “xeran empregos e nos animan a apoialos e favorecelos en todo o posible, porque xuntando moitos poucos poderemos facer algo moi grande”, conclúe José Antonio Vilán.

Valoración dos proxectos

Nesta nova edición, os premios contan co patrocinio de Novacaixagalicia, Zona Franca, Banco Santander, PSA Peugeot Citroën e a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia. Poderán presentarse a esta convocatoria aqueles alumnos e alumnas matriculados na Universidade de Vigo así como os titulados no curso 2009/2010 ou posteriores. Os gañadores poderán beneficiarse da estadía dun ano nun dos oito locais e a subvención de custes como teléfono ou internet neste tempo, así como asesoramento e formación tanto por parte da Universidade como doutros emprendedores.

A comisión de selección valorará o carácter innovador do proxectos, o seu nivel de desenvolvemento e viabilidade; a empregabilidade; o potencial internacional; o aproveitamento dos recursos dispoñibles; a sustentabilidade; o nivel de implicación real dos emprendedores; a responsabilidade social e a implicación dos candidatos ao proxectos e tempo dispoñible para o mesmo.