DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Obradoiro de Problemas Industriais achega desde hai catro anos a innovación á empresa

Industria, investigadores e alumnado, unidos na resolución de problemas mediante técnicas matemáticas

A iniciativa do Máster Interuniversitario de Enxeñaría Matemática foi pioneira en España

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/10/2012

Solucionar con técnicas matemáticas os problemas e retos do sector empresarial é o obxectivo común que perseguen as compañías, os investigadores e o alumnado que participa no Obradoiro de Problemas Industriais nacido hai catro anos por iniciativa dos grupos de Matemática Aplicada das tres universidades galegas ao abeiro do Máster Interuniversitario de Enxeñaría Matemática. Esta actividade pioneira en España, reproducida agora noutras universidades como a Complutense, Sevilla ou Carlos III, pero que goza de bastante tradición no estranxeiro, como o é caso dos Oxford Study Groups, ofrece, como explica José Durany, coordinador do mestrado na Universidade de Vigo, “ás pequenas e medianas empresas que non poden dedicarse, en moitos casos por falta de persoal, medios ou cartos á I+D+i, unha posibilidade barata de facer innovación”.

Proba do interese que o obradoiro ten espertado entre o sector empresarial é o feito de que ao longo dos seus catro anos de existencia as 80 firmas que participaron nel, manifestan o seu desexo de volver ao curso seguinte a presentar os seus problemas, aínda que “en todo caso”, explica Durany, “nós tratamos de ampliar o espectro para aumentar a variedade de retos”. As solucións que se formulan no obradoiro que este curso se prolongará ata o mes de xullo de 2013, baséanse no desenvolvemento de modelos matemáticos axeitados a cada caso, de métodos numéricos para a súa resolución e tamén no uso de tecnoloxías de simulacións para o deseño e o control de produtos e procesos industriais. E é que ferramentas de CAD, deseño asistido por ordenador, e CAE, enxeñaría asistida por ordenador, permiten diminuír os custos do prototipado, a experimentación en laboratorio e os prazos de saída ao mercado de novos produtos.

Da presentación dun problema a un posible contrato

Entre 15 e 25 empresas e outros tantos estudantes, investigadores e docentes, participan cada curso no obradoiro, no que tecnoloxías como a vídeoconferencia son fundamentais para coordinar as sesións que se celebran nos tres campus. Este curso na Universidade de Vigo son unha decena os estudantes, profesores e investigadores que participan no obradoiro, no que como primeiro paso as empresas presentan un resumo da súa actividade, localizacións, clientes, etc, e a continuación un problema que queren resolver con técnicas matemáticas, un reto que sirve de tema de traballo fin de mestrado para algún dos estudantes, aínda que outras veces é un grupo de PDI o que trata de enfocalo , “xa que en xeral son problemas difíciles e estes primeiros estudos proporcionan uns primeiros resultados de viabilidade”, explica Durany.

Pero máis alá dun reto académico, a resolución dos problemas formulados polas empresas pode derivar nun contrato ou convenio de colaboración coa empresa máis alá do curso en cuestión. “As solucións que se achegan no obradoiro non se cobran”, sinala o coordinador do mestrado na Universidade de Vigo que confirma que “moitas desas solucións son o inicio de posteriores contratos. En todo caso, se a empresa precisa confidencialidade e rexistro de resultados, facemos o contrato”.

Prácticas en empresas para o alumnado

Vicus Desarrollos Tecnológicos, Endesa, Abengoa, o Instituto Español de Oceanografía, o Instittuto Tecnológico de Aragón, CTAG ou o Instituto de Investigaciones Marinas son algunhas das empresas que este curso participan no obradoiro presentando problemas na procura dunha resolución matemática. Compañías nas que o alumnado do mestrado poderá entrar en contacto, primeiro escollendo un deses problemas como tema do seu traballo fin de mestrado que estará dirixido por un PDI das universidades e un titor na empresa. A partir de aí, explica Durany “moitos deses estudantes desenvolven o traballo no seo da empresa, unhas veces como bolseiros e outras non, pero en efecto fan prácticas”.

Este primeiros pasos no ámbito da transferencia no caso do alumnado, acadan unha das súas máximas expresións na relación entre os grupos de investigación das universidades e as empresas. “Tratamos de dar solucións a calquera empresa con necesidades de optimizacións matemáticas, simulacións numéricas de procesos, etc e en concreto o noso grupo de investigación de Ecuacións Diferenciais e Simulación Numérica da Universidade de Vigo ten xerado varios contratos a partir do coñecemento mutuo con algunhas empresas deste obradoiro”, argumenta Durany.