DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inesperada derrota do Universidade de Vigo de xadrez

O piloto Fran Abalo venceu na primeira edición do slalom automobilístico celebrado no campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 04/04/2011
A sorpresa chegou demasiado cedo. O Universidade de Vigo de xadrez disputou esta fin de semana a semifinal da Liga Galega. O rival, o Círculo Ferrolán, parecía alcanzable, xa que durante a tempada a vitoria foi para os vigueses, pero esta vez, a sorte non estaba do seu lado e caeron por un axustado 2.5-3.5. Agora tan so aspiran ao terceiro posto, polo que loitarán na final de consolación que se disputará este sábado 9 de abril en Lugo.

“É un duro golpe para todos”, recoñecía Pablo García, o capitán do equipo, unha vez consumada a derrota. “Despois de ser os máis regulares na Liga os xogadores merecían estar nesa final”, aseguraba. O certo é que o encontro xa comezou mal para os vigueses, coa derrota de Samuel Villar no primeiro taboleiro. Ao xogador do Universidade fíxoselle moi longo o final de tempada, sobre todo despois de perder o título de Campión Galego sub-18, e non foi quen de superar a Pablo Fernández. Porén non todo estaba perdido, especialmente despois de que Manuel Pena e Avelino Leirós conseguisen os seus respectivos puntos e Diego Guerra sumase un empate. Só quedaban por diante os taboleiros de Roberto Paramos e Pablo García, ambos Mestres Internacionais. Entón foi cando se torceu todo. No seu encontro Paramos non se fixou no reloxo e para cando quixo premer o botón xa aparecera o cero no contador, o que supuxo a súa derrota. Pola súa banda, o capitán, coa cabeza posta nos resultados anteriores, perdeu a concentración e cedeu ante Miguel Millán confirmando a derrota do Universidade.

“Estamos todos un chisco abatidos, sobre todo pola maneira na que se perdeu o encontro”, afirmaba García, que, prefería mirar cara o futuro. “Axiña falaremos de novos éxitos do equipo, pero así é o deporte e non nos queda outra que desexarlle sorte na final ao Círculo Ferrolán”, sentenciaba o capitán vigués, xa coa mente posta na próxima campaña.

Éxito de público no I Slalom Universidade de Vigo

Por outra banda, o tempo acompañou ao I Slalom Universidade de Vigo de coches celebrado o domingo no campus cun éxito de público. Finalmente foron 18 os vehículos que tomaron a saída nun circuíto que puxo a proba a pericia dos seus condutores nun trazado repleto de obstáculos e que superou as expectativas de participantes e espectadores. Puntuable para o Campionato Galego, proclamouse vencedor Fran Abalo, piloto da escudería Charli Romeo Fran, aos mandos dun Peugeot 206 Xs. En segundo lugar, a algo máis de catro segundos clasificábase Luis Gil, cun Peugeot 205 Gti, da escudería Lalín Deza. O terceiro chanzo do podio foi parar a mans do piloto do Scratch Fene Rubén García Naya, tamén nun Peugeot 206 Xs.