DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na mostra inaugurada no Edificio de Ferro "Cousas da Infancia"

A infancia retrátase a si mesma

Encadrada nas actividades da Cátedra da Infancia

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 03/12/2008
Unha ollada ao mundo dos nenos e das nenas desde a súa perspectiva é a viaxe que nos propón a exposición Cousas da Infancia. A través dunha mostra integrada por 65 fotografías realizadas por rapaces de entre 8 e 13 anos adentrámonos na realidade infantil, unha aproximación desde o punto de vista do consumo que repara no uso que os máis cativos fan do seu tempo libre. Esta exposición, que luce desde hoxe nas paredes do Edificio de Ferro, poderá ser visitada ata o mes de febreiro do ano próximo.
O proxecto de Jesús Pérez, Alberto Dafonte e Jorge Lens, profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e tamén profesora da Universidade de Vigo Emilia Seoane, pretendía inicialmente “amosar a vinculación dos máis pequenos da casa co mundo das marcas publicitarias”, comentou Pérez. Con esa intención repartíronse unha vintena de cámaras entre nenos e nenas do sur de Galicia quenes a cambio deste obsequio comprometéronse a fotografar aos seus amigos e a eles mesmos nos seus momentos de ocio. “Levaba a cámara a todas partes e tentaba facer fotos bonitas e divertidas”, comentou Miriam, unha das pequenas fotógrafas. Da súa labor, que durou todo o verán, saíron máis de 2000 fotografías das que os investigadores tiveron que facer unha escolla ata chegar ata a mostra actual.

Olladas que falan das cousas dos nenos e nenas

A pesar das intencións iniciais dos creadores do proxecto, a exposición “non amosa unha presenza excesiva de marcas publicitarias”, dixo Pérez, senón que se converteu nun traballo máis grande, no que olladas inocentes falan das cousas dos nenos e das nenas, dos seus compañeiros de xogos e dos protagonistas do tempo de ocio. “Esta non é unha mostra de denuncia pero dela despréndense distintos puntos de reflexión moi interesantes”, explicou Pérez.
Durante a inauguración da exposición, encadrada dentro da Cátedra da Infancia da Universidade de Vigo e que conta coa colaboración do Observatorio Galego da Infancia, estiveron presentes, xunto aos investigadores, Carme Adán, secretaria xeral da Igualdade, Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e parte dos pequenos fotógrafos.
Area deixou claro que a “escolla desta facultade como escenario da mostra non é ao azar, senón que se trata dunha elección meditada”. O motivo de elixir como sala de exposicións o Edificio de Ferro “ven determinado polas titulacións que aquí se imparten, relacionadas coa educación”, proseguíu Area. O vicerreitor aproveitou a ocasión para comentar que “a Cátedra da Infancia estase a converter no paraugas onde distintas entidades se aúnan para tirar polo mesmo carro”. De entre as iniciativas da Cátedra, Area, destacou “o taboleiro dixital para rapaces con discapacidades comunicativas”, que recentemente acadou o premio na Noite das Telecomunicacións, e tamén “os cursos para menores en situación de desprotección que se imparten desde a Universidade de Vigo”.

Suxeitos activos da mostra

Pola súa banda Carme Adán non se esqueceu de incidir en que a educación debe ser o piar básico da liberdade, e asegurou que “a Cátedra da Infancia supuxo unha colaboración entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia para concebir de xeito integrador e global o mundo dos nenos". Esta exposición “amósanos unha imaxe dos rapaces non como obxecto retratado, senón como suxeito activo que ofrece a súa perspectiva”, concluíu.
Tras a inauguración oficial comezou o percorrido polos corredores da facultade onde en cada esquina, e perfectamente integradas no ambiente, as fotografías amosaban nenos felices, xogando e compartindo o tempo cos seus amigos. Poucas videoconsolas ou marcas publicitarias aparecen nas imaxes, e é que ás veces “os adultos tendemos a estereotipar aos nenos e eles sorpréndennos cada día”, comentou Adán.