DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As prazas completáronse na primeira semana de inscrición

"A influencia", de Pedro Aguilera, abre o ciclo de cine "5 Retinas Periféricas"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 28/11/2008

A Casa das Campás convertirase, do 1 ao 5 de decembro, nunca sala alternativa aos cines de Galicia e amosará "o outro cine español" da man do ciclo 5 Retinas Periféricas. O primeiro realizador en presentar a súa proposta será Pedro Aguilera con A influencia. Outros autores como Günter Schwaiger, Roser Aguilar, Joan López Lloret ou Miguel Lasangre darán corpo a este novo itinerario para a cinematografía española. A proposta da Vicerreitoría do campus, que combina a proxección dos filmes cun coloquio cos seus realizadores, despertou o interese da comunidade universitaria que na primeira semana do prazo de matrícula completou as 73 prazas que se ofertaban.
Aínda que descoñecidas polo gran público, as obras seleccionadas, "con liñas discursivas e afastadas da temática estándar" do cine máis mediático, segundo apuntou o director do ciclo, Suso Novás, xa gozaron de moitos premios a nivel nacional e internacional. No caso do primer filme proxectado, estrenado na Quincena de realizadores do Festival de Cannes de 2007, conseguiu o premio L’Âge d’Or no Festival Cinedecouvertes de Bruselas no mesmo ano. En A influencia, catro personaxes principais -unha nai, a súa depresión e os seus fillos- amosan a incomodidade de vivir nunha sociedade que non ten os valores que un precisa e como os cativos se liberan desa mala influencia. Os personaxes están encarnados por actores non profesionais.

Filmes recoñecidos internacionalmente

O paseo polas Retinas Periféricas ten outras paradas. O martes, o realizador Günter Schwaiger detallará os pormenores de O paraíso dos Haffner, longametraxe que recibiu o primeiro premio Tempo de historia no Festival Internacional de Valladolid, Seminci 2007. O mellor de min, de Roser Aguilar proxectarase o mércores. Este filme ten recollidos múltiples premios entre os que se atopan o do Público nos festivais de Stuttgart e Verona e o de Mellor Dirección, Mellor Película e Mellor Guión no Festival de Lorca. A longametraxe documental Os irmáns Oligor, de Joan López Lloret, galardoada en Docupolis Barcelona ou o Festival de Málaga, aportará unha nova perspectiva sobre a periferia do actual cine español. O ciclo rematará coa multipremiada cinta de animación, Animal, de Miguel Lasangre, quen tamén achegará unha selección doutras obras súas. Entre outros, Animal, ten recibido o premio á Mellor Dirección Artística no Festival de Alcalá de Henares, Mellor Director na Semana do Cine Experimental de Madrid, nominación ao Goya na sección de curtametras de animación no ano 2000, premio á Mellor Curta de Animación Europea ou o primeiro premio do xurado en Black Maria Film Festival de Nueva Jersey, válido para a preselección aos Oscars de Hollywood, entre outros.