DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Ramos, profesor de comunicación corporativa e de protocolo, presenta o seu novo libro

A información institucional debe estar á disposición do cidadán

Etiquetas
  • Pontevedra
Bea Feijoo DUVI 26/04/2011

"Unha organización que garda silencio non soamente atenta contra si mesma, tamén defrauda ao público”. Con esta cita do experto Alfredo Bisquert, o profesor Fernando Ramos resume o contido do seu novo libro, Comunicación y Protocolo en el espacio local. La imagen de las instituciones públicas, no que afonda nas necesidades comunicacionais do ámbito oficial do Estado, tanto para gañar a confianza dos cidadáns como “polo feito de que a información lles pertence, pois non é propiedade nin dos políticos nin das forzas que exerzan o poder”, explica o propio Ramos.

No prólogo aclara que “todos os actos cotiás do comportamento das institucións son, en si mesmos, actos comunicativos”, indo máis aló da simple transmisión da información, polo que a comunicación institucional “amósase na realidade da organizacións e no grao de eficiencia coas que cumpren as súas funcións”, subliña o profesor. Así na primeira parte do libro afonda na necesidade de traballar nos dereitos dos cidadáns “e no deber de que os responsables políticos o fagan para demandar calidade na Administración Pública”.

Ademais propón a profesionalización da información institucional e a posibilidade de facilitar o acceso “a arquivos e documentos públicos, executando a transparencia”. Así mesmo estuda os efectos da normalización da imaxe do Estado, a publicidade institucional, a cultura corporativa das institucións públicas e os procesos de comunicación das organizacións, “prestando especial atención ás crises provocadas polos lobbies ou grupos de interese”.

O protocolo, instrumento fundamental

Unha segunda parte da publicación está dedicada ao protocolo no ámbito oficial, desde os concellos ata o Estado, describindo casos prácticos, tratamentos, símbolos, regulamento de honores e distincións, “ademais de todo tipo de cerimonias”. Para o profesor Fernando Ramos o protocolo é un instrumento comunicativo fundamental “a través do cal as institucións se presentan á sociedade, amosando publicamente a súa estrutura do poder, de aí a importancia de respectar as formas, as dignidades, rangos e cerimonias simbólicas”.