DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Informática revalorízase lanzando a rede máis aló das nosas fronteiras

O prestixioso SEI da Universidade Carnegie Mellon imparte no edificio Politécnico o seu primeiro cur

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 04/04/2011
Noemí Rey | Vigo
Un ano de trámites administrativos para conseguir celebrar o primeiro curso en Galicia impartido polo Instituto de Enxeñaría de Software (SEI), da Universidade Carnegie Mellon de Pittsburgh. A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolle un curso de Arquitecturas Orientadas a Servizos (SOA) impartido pola entidade máis prestixiosa do mundo no ámbito da enxeñaría do software e con certificados moi valorados a nivel internacional. “É unha gran sorte que conseguiramos traer esta actividade, porque manter relacións con esta entidade é moi importante para nós”, recoñece Enrique Barreiro, director do centro. Unha importancia que radica no feito de que converterse en partners do SEI suporía “dar un valor engadido tanto a esta titulación como á oferta formativa de ámbito tecnolóxico da Universidade de Vigo”.

Sen embargo, a Universidade de Vigo non é a única interesada nesta alianza, xa que a universidade estadounidense ten en mente expandir as suas certificacións, “profesionais e moi prezadas dentro do sector”. O curso, que se celebrará os días 5 e 6 de abril, suporá o primeiro paso para esa colaboración a longo prazo: os profesores que participen nesta actividade contarán coa acreditación necesaria para impartir os cursos do Instituto de Enxeñaría de Software en calquera universidade española, nun principio baixo a tutela do propio SEI.

Novidades

Esta actividade espertou moito interese no sector da enxeñaría de software, polo que as 28 prazas dispoñibles esgotáronse en poucas horas e outras cinco persoas quedaron en lista de espera. Unha das principais novidades e atractivos do curso será o idioma: a pesar de que Grace Lewis virá expresamente dende Pennsylvania para dar as oito horas de clase a súa orixe colombiana permitirá dar a actividade en castelán. “Para nós é un luxo e para eles unha vantaxe ter a alguén como ela sobre todo para impartir os cursos en países como o noso, no que o dominio do inglés non está tan estendido”, asegura Barreiro.

Entre os participantes, estudantes do máster de Software Libre da Escola e profesores, algún incluso que vén a propósito dende a Universidade de Oviedo. O 75% dos matriculados pertence ao sector da informática, mentres que o resto son enxeñeiros doutras especialidades ou incluso físicos.

Oito horas moi intensas

O curso impartido por Lewis tratará temas introdutorios ás implicacións que a Arquitectura Orientada a Servizos (SOA) ten para unha organización e proporcionará unha metodoloxía e un marco de traballo para documentar e crear un software que reflicte as auténticas necesidades e requisitos dun negocio. De 16.30 a 20.30 horas os participantes afondarán na sala de lectura do Edificio Politécnico na visión dos 50.000, dos 5000 e dos 1000 pés e os desafíos para o técnico, o consumidor e o provedor de infraestructuras, o aliñamento estratéxico, a avaliación da tecnoloxía ou o cambio de mentalidade, entre outros aspectos.