DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores presentouse o documento anual da Zona Franca de Vigo

O informe Ardán salienta o potencial económico das actividades relacionadas coa terceira idade

Na súa elaboración participa a agrupación estratéxica Ecobas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI 29/07/2020

Este mércores presentouse en Vigo o informe Ardán Galicia 2020, elaborado pola Zona Franca coa colaboración da agrupación estratéxica da Universidade de Vigo Ecobas no marco da Cátedra Ardán. Nel ofrécese unha visión completa da economía de Galicia desde múltiples dimensións, prestando nesta ocasión especial atención, a través dun monográfico, ao potencial económico das actividades relacionadas coa terceira idade, a chamada “silver economy”. 

35.168 empresas e 104.500 millóns de euros de facturación

O informe, tal e como destacaron os seus promotores, ofrece unha visión completa da economía de Galicia desde múltiples dimensións tales como análises de competitividade rexional, conxuntura económica, análise do tecido empresarial e diagnoses sobre o desempeño das empresas galegas en aspectos como a internacionalización, a igualdade, a innovación ou a economía circular. O documento foi presentado por David Regades, delegado da Zona Franca, e Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, que salientou a importancia de que a empresa galega mellore os seus niveis de innovación, apostando por aproveitar os fondos europeos para incentivar ese fortalecemento da I+D.

Segundo indican en nota de prensa desde Zona Franca, o seu delegado explicou sobre as contas anuais do exercicio 2018 de 35.168 empresas que recolle o informe, que a facturación alcanzada foi de 104.500 millóns de euros cunha achega ao PIB, a través do valor engadido bruto, de 30.500 millóns de euros. Esta cifra, apuntan desde a entidade, “recolle unha marca histórica para os datos de Galicia xa que a súa capacidade de creación de riqueza foi dun 80% maior sobre a que se produciu no ano 2009, o peor ano da crise, e os postos de traballo directos asignados a estas empresas foi de 404.000 persoas, un 4% máis que o ano anterior”. A confección e a moda representou o 40,95% do valor engadido bruto xerado na comunidade autónoma.

Ardán Galicia 2020 recolle un monográfico dedicado á chamada “silver economy”, un sector que engloba ao conxunto de todas as actividades económicas dirixidas a satisfacer as necesidades das persoas maiores de 65 anos. Así, o documento fai un exhaustivo percorrido por todas as posibilidades que abre esta actividade para as empresas en Galicia e sinala os retos das administracións neste eido, como serían “facilitar a incorporación da empresa galega a este novo mercado, adaptar as infraestruturas para maiores (normativas sobre edificios, cidades, automóbiles autónomos, etc.), regular e supervisar as dotacións residenciais e sanitarias e soster a provisión de recursos económicos aos sénior (pensións e transferencias complementarias) para soster financeiramente o estado de benestar e o sistema de pensións”.

Igualdade e outros indicadores 

A igualdade é outro dos temas abordados no informe. Na secuencia de tres anos que Ardán leva realizando o estudo sobre igualdade de xénero na contorna laboral de Galicia, indican os seus responsables, “rexistráronse certas melloras”, sinalando como o ano 2020 “achega un lixeiro avance das empresas enquisadas en materia de igualdade laboral”. Aínda así, apuntan desde Zona Franca, “o cálculo teórico da perda neta para as mulleres no ano 2019 foi do 3,5%, é dicir, as mulleres nas empresas galegas deixan de percibir, de media, 17.380 euros por non atoparse nunha situación de equilibrio na súa empresa”.

Unha edición máis Ardán identificou tamén ás compañías galegas que obteñen mellores resultados en distintos factores relacionados co desempeño competitivo. Este ano, detallan desde Zona Franca, detectáronse 1625 empresas con algún dos nove indicadores recollidos polo informe o que supón “que das 35000 empresas analizadas só un 5% alcanza os criterios para obter algún indicador de boas prácticas empresariais”.