DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elaborado por Amada Traba e Luz Varela en calaboración coa Área de Igualdade e o Consello Social

O Informe de Diagnose de Igualdade analiza “as presenzas e ausencias” da muller na Universidade

Segundo as autoras "existe unha escasa cultura da igualdade na institución porque se cre que vén dad

Etiquetas
  • Pontevedra
Bea Feijoo DUVI 17/12/2010

“Existe unha escasa cultura de igualdade porque se pensa que nunha institución como a Universidade, vén dada de seu”. Con estas palabras as autoras do Informe de Diagnose de Igualdade na Universidade de Vigo, Amada Traba e Luz Varela, resumiron a importancia e a necesidade do mesmo na súa presentación no campus de Pontevedra. Como indicou a directora da Área de Igualdade, Anabel González, “aínda que xa se presentara en Vigo, é necesario lograr un compromiso de todos e cada un dos membros da comunidade universitaria, independentemente de onde nos atopemos”. Definido como un informe “bo, transversal e diacrónico”, non só achega unhas conclusións da situación actual, senón que “ofrece as primeiras medidas que se poden levar a cabo na Universidade en materia de igualdade”.

Na realización do informe, coa colaboración do Consello Social, a primeira conclusión á que chegaron as súas autoras é que non existe unha sensibilidade pola paridade de xénero, porque comunmente se cre que a “Universidade é unha institución neutra na que se accede por méritos”, en palabras de Amada Traba. Dáse unha discriminación “moi sutil”, sobre todo no que respecta á distribución de responsabilidades, pois existe unha corrente de “non recoñecemento do mérito feminino”, que se fai extensible en toda a sociedade.

Tal é a magnitude do Informe de Diagnose que inclúe tanto un estudo estatístico como unha análise documental, converténdose “nun documento de traballo imprescindible e de referencia para levar a cabo o plan de igualdade efectiva de mulleres e homes e incluído no Plan Estratéxico”, tal como apuntou a directora da área de Igualdade. Deste xeito, a propia Universidade amosa o seu compromiso férreo en materia de igualdade que se evidencia coa materialización do propio informe, co desenvolvemento da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas ou coa propia existencia da área de Igualdade.

Maioría no alumnado

Amosando un retrato máis profundo “das presenzas e ausencias” no colectivo alumnado, as autoras destacaron un maior número de mulleres nas aulas, pero cunha gran segregación por ámbito de coñecemento e titulación. Traba expuxo como exemplo o caso que se da na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, no que “Educación Infantil é unha titulación eminentemente feminina, mentres que os estudos en Ciencias do Deporte contan cunha maioría masculina”. Esta diferenciación sexual nas titulacións é consecuencia “da influencia de roles, tradicións e estereotipos á hora de escoller as carreiras", apuntou. Ademais, a nivel xeral nas titulacións técnicas “as mulleres brillan pola ausencia”, xa que en total non alcanzan nin un 30% de representación

Por outra banda, aínda que as donas soen alcanzar un maior logro académico, á hora de entrar no mercado laboral “vense penalizadas” e isto non é algo que cambie co tempo porque “nas xeracións máis novas hai mulleres que pola invisibilidade do seu mérito vénse minguadas á hora de impulsar as súas carreiras”, explicou unha das autoras do informe.

PDI e PAS

No sector PDI, as donas representan unicamente o 36% do total, agravado por unha discriminación horizontal, pero tamén vertical, xa que “nas cúpulas maioritariamente hai homes”. No caso das cátedras a presenza feminina é aínda máis marxinal en comparación coa masculina, pois por un catedrático saen catro titulados, mentres que por unha catedrática dez tituladas. No ámbito da investigación tamén se dá un desequilibrio moi grande, xa que hai un 30% soamente de investigadoras principais.

No caso do PAS existe unha maioría feminina, representando o 67% do funcionariado. Mais, como en casos anteriores, é un sector moi segregado verticalmente, xa que só hai un 11% de mulleres ocupando postos tipo A, moi por debaixo da media española, situada no 50%.

Polo que respecta aos órganos de goberno, a sección masculina atópase sobrerepresentada. Nos colectivos que representan a PDI, a presenza de mulleres está oito puntos por debaixo do que lles corresponde, pero o caso do PAS aínda é máis evidente, porque se atopa 36 puntos por debaixo da representación adecuada. Como indicou Amada Traba “aínda hai facultades nas que unha muller nunca ocupou un posto de responsabilidade, delegándolle sempre funcións de secretariado”.