DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo alerta que só se cobra el 51% do importe total das denuncias municipais de tráfico

Un informe da Universidade revela que a Policía Local rexistra 236 denuncias de tráfico por cada mil habitantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 19/07/2010

No transcurso la xornada de clausura do Círculo de Comparación Intermunicipal de Policía Local de Galicia, presentouse este luns en Santiago de Compostela o primeiro informe sobre Círculos de Comparación Intermunicipal do Servizo de Policía Local de Galicia, un traballo elaborado pola Universidade de Vigo, financiado pola Xunta e coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O estudo tamén contou co apoio técnico da Deputación de Barcelona, impulsora deste tipo de proxectos a nivel nacional.
Neste primeiro ano analizouse o servizo de Policía Local de 11 concellos galegos (Baiona, Carballo, Coruña, Narón, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía), que representan o 35,4 por cento da poboación de toda a Comunidade Autónoma. Os resultados acadados permiten coñecer a situación xeral dos corpos de Policía Local, que é bastante semellante na maior parte dos valores confirmados aos corpos de Policía Local da provincia de Barcelona, onde este tipo de análises xa se fai dende hai anos, mesmo ampliando a outros servizos municipais de carácter asistencial.

Resultados do estudo

Entre os datos más salientables do informe revélase que de media hai 236 denuncias de tráfico por cada 1000 habitantes, que se realizan 45,6 controis de velocidade por cada 100 vehículos matriculados e que hai 10,5 detidos por cada 1000 habitantes, dos que case a metade son delitos contra a seguridade viaria. A media de idade dos axentes das Policías Locais de Galicia é de 44 anos e o tempo medio de chegada en situacións de urxencia é de só 4,4 minutos.
O estudo confirma por outra banda que a xestion tributaria das denuncias municipais de tráfico conforma “o interese principal” no seu marco económico e certifica que do total imposto polas respectivas Policías Locais só un 51 por cento, son cobradas.
No apartado do gasto o estudo pon de manifesto que o gasto que implica o servizo público, acada os 59 euros de gasto corrente por habitante, mentres que o gasto corrente por axente se sitúa en 43.374 euros, que reflicte, en termos medios, canto se gasta por cada axente por parte do servizo da Policía Local. Así, se pode concluir que o custo de 14 axentes durante todo o ano acada os 600.000 euros. En canto ao custe das horas extraordinarias por axente este acada os 17,5 euros.

A Fegamp, un activo de gran valor

Na sua intervencion o profesor da Universidade de Vigo e un dos autores do estudo, Santiago Lago, definiu o papel da Fegamp, como “un activo de gran valor” ao tempo que gabou o apoio da Xunta como un dos gobernos autonómicos "que máis cartos transfire" aos concellos para o desenvolvemento das suas competencias. Lago tamen destacou que o municipalismo galego ten "un futuro por diante" no que se pode facer "moito" desde a "cooperación intelixente".
O conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda destacou o esforzo realizado por todos los implicados, ao tempo que manifestou o "apoio e colaboración" da Xunta con todos os concellos interesados en mellorar. "Agora hai que apretar o cinto e temos que recorrer, non sei se a imaxinacion, pero si a experiencia, para amosar que se pode seguir mellorando", dixo Rueda.
Mentres, o presidente da Fegamp, Carlos Fernández, amosouse convencido de que os concellos galegos "fan moi ben as cousas", pero matizou que "todo se pode mellorar” para o que dixo “hai que ser autocríticos para que siga o salto de calidade”.
Co estudo presentado hoxe Galicia se converte na segunda Comunidade Autónoma, logo de Cataluña, que introduce os Círculos de Comparación entre municipios para a construción de variables e indicadores que permiten cuantificar a incidencia dun servizo municipal, e que fai posible a cada municipio participante dispor dunha análise estratéxica para coñecer os seus puntos fortes, oportunidades de mellora e centrarse en actuacións concretas que permitan conseguir un mellor resultado das súas actuacións.