DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Laura Novelle foi unha das participantes neste estudo

Un informe dá voz ao persoal docente e investigador con discapacidade

Promovido pola Fundación ONCE, a Fundación Derecho y Discapacidad e a Universidad Autónoma de Madrid

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI Pontevedra 08/11/2022

Profesora na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Laura Novelle é dunha das 40 docentes e investigadoras con discapacidade que achegaron as súas experiencias e vivencias a un estudo pioneiro sobre a situación do PDI con discapacidade no sistema universitario español, impulsado pola Fundación ONCE, a Fundación Derecho y Discapacidade y a Universidad Autónoma de Madrid. “Esta investigación busca sondar a porcentaxe de persoas con discapacidade que forman parte das universidades españolas como PDI, identificar as medidas de apoio implantadas para este colectivo e as barreiras que están a limitar o acceso ao noso desenvolvemento profesional”, sinala a profesora interina do Deparamento de Historia, Arte e Xeografía deste estudo, presentado este martes na sede da Fundación ONCE en Madrid. O desenvolvemento desta investigación contou coa participación de 39 universidades españolas públicas e privadas, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, que achegaron información respecto das porcentaxes de PDI con discapacidade e das diferentes medidas e políticas de apoio implantadas. Como explicou na presentación a coordinadora deste estudo, a profesora da Autónoma de Madrid Carmen Márquez, trátase dunha “investigación pioneira no noso país”, que ten como “principal valor, que permite dar voz aos investigadores e investigadoras con discapacidade”, como é o caso de Novelle, licenciada en Histoira pola Universidade de Vigo e unha das 40 persoas que “prestaron os seus relatos de vida para que foran analizados e supuxeran un punto de inflexión nesta importante reflexión do que todas as comunidades universitarias deben facer”. 

Demandas e propostas

Docente cunha discapacidade física, como é a parálise cerebral, Novelle foi unha das persoas seleccionadas polo equipo responsable desta investigación para as entrevistas que permitiron dar forma a un informe que, recoñece, sinala varias eivas “importantes” á hora de garantir que este colectivo poida desenvolver a súa carreira investigadora e docente en igualdade de condicións. “A primeira, que unha parte do PDI segue a vivir situacións discriminatorias por ter discapacidade”, subliña Novelle, que sinala tamén que o estudo incide en que “o seu principal recurso é a familia e, en casos concretos, as entidades do terceiro sector”. Así mesmo, lembra, o informe sinala a necesidade de “plans individuais de valoración de cada caso”, así como a implantación de medidas de conciliación “e que se cumpra a lexislación vixente respecto da reserva de prazas” a persoas con discapacidade, que segundo este estudo se sitúa no 0,6% no conxunto das universidades españolas, "cando a lei marca un 5%". Así mesmo, “a consolidación de emprego e a redución da precariedade laboral tamén son necesarias”, engade Novelle, que achegou ao estudo outra serie de propostas como o deseño “dun programa especifico de doutoramento para profesorado con discapacidade” ou o interese que tería que este accedese a cargos de xestión xa que, subliña, “o que non se ven, non existe”. 

Como lembra Novelle, "os estudantes con discapacidade representan o 1,5% na educación superior” e desta cifra “a porcentaxe que chega a completar o doutoramento é ínfima”, o que leva a que o PDI con discapacidade esta “invisibilizado”, sostén. Neste punto, recoñece tamén que “cada vez hai máis alumnado con discapacidade nas aulas”, á vez que “á mocidade parece non afectarlle o feito de que a persoa que lle dá clase teña discapacidade, un avance magnífico que eu vivín como docente da UVigo”. Non obstante, a discapacidade adoita percibirse desde fóra “como algo homoxéneo, cando é xusto o contrario”, lamenta esta docete, o que á súa vez leva a que as universidades non estean preparadas “para a variabilidade que implica a discapacidade na carreira profesional”. 

Identificación de barreiras, apoios e medidas urxentes

Editado polo Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad (Cermi), o estudo La situación del personal docente e investigador con discapacidad en el sistema universitario español tiña como obxectivo a “identificación das barreiras que están obstaculizando a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade na carreira docente e investigadora e tamén cales son os apoios que compensan parte desas dificultades”, así como dar a coñecer as “medidas que os propios investigadores con discapacidade reclamaron como urxentes”, segundo explicou Márquez. Nese senso, ademais de pór o foco en que o porcentaxe de PDI con discapacidade “é inferior ao 1% na maior parte das universidades participantes”, na presentación deste estudo incidiuse na importancia de medidas como a aplicación da cota de reserva para persoas con discapacidade “en todos os concursos de acceso e promoción” ás diferentes categorías profesionais, a implantación de regulamentos internos de medidas de apoio en función deste colectivo, o cumprimento de condicións de accesibilidade en todos os espazos ou a “promoción dunha cultura universitaria inclusiva”. Nese senso, a coordinadora deste estudo incidiu en que se ben ao longo do proxecto “vimos como as universidades avanzaron moito na atención ás persoas con discapacidade”, a súa contribución estivo “máis focalizada no estudantado”, de tal xeito que, no referido a PDI, “temos aínda un longo camiño por diante”, a pesar de que algunhas institucións teñan comezado a implantar medidas que “facilitan o desenvolvemento profesional” deste colectivo.