DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Concello déronse un prazo máximo de dous meses para concretar as diferentes actuación

As infraestruturas centran a primeira reunión de Salustiano Mato co alcalde de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 14/09/2010

As infraestruturas convertéronse no tema principal da primeira xuntanza oficial que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, mantivo co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, coa presenza da vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco e da concelleira de Cultura e directora da Escola de Deseño e Moda de Galicia, Lola Dopico na Alcaldía de Pontevedra. A próxima construción do Edificio das Artes, da residencia universitaria, a cesión definitiva da Casa das Campás á Universidade de Vigo e do Edifico de San Fernando ao Concello de Pontevedra foron as cuestións prioritarias que se concretaron na reunión, habendo tempo tamén para debater sobre a escola infantil e o proceso de urbanización do campus. Ademais, Mato e Fernández Lores abordaron a intención de aumentar a potencialidade das titulacións que se imparten en Pontevedra coa creación de sistemas de cooperación entre elas.

Universidade e Concello déronse un prazo máximo de dous meses para asinar o convenio que inclúe a construción do Edificio das Artes e da residencia universitaria. O alcalde de Pontevedra informou que o proceso para que comece a súa construción nos terreos de Tafisa “está unicamente pendente da aprobación da Xunta de Galicia e o 15 de outubro acaba o prazo para que conteste”, ao que Mato engadiu que “por fin estamos nos últimos trámites e sen obstáculos polo que nuns meses poderemos dar o pistoletazo de saída da construción edificio”. A residencia universitaria no edificio da ONCE foi outra cuestión importante da xuntanza, xa que “é unha forma de introducir a Universidade na cidade” e tamén supón “unha maior oferta de servizos xerais, imprescindible para a captación de alumnos estranxeiros”, como aportou o reitor. Tamén se concretou a cesión definitiva da Casa das Campás á Universidade como sede administrativa e institucional en Pontevedra. A cambio, a Universidade entregará ao Concello o edificio de San Fernando, onde actualmente se sitúa a Facultade de Belas Artes.

Outro proxecto que fortalecerá os vínculos coa cidade pontevedresa será a posta en marcha da Escola Infantil Universitaria, que ten prevista a súa apertura no mes de xaneiro. Este non será un unicamente un servizo á disposición da comunidade universitaria, senón que será extensible á cidadanía, especialmente para os veciños do barrio do Burgo. Así Salustiano Mato engadiu que se “trata dun bo exemplo que cubre as necesidades da comunidade universitaria ao mesmo tempo que se atenden as necesidades dos cidadáns “

Humanización do campus e cooperación entre titulacións

Moi relacionado cos proxectos de infraestruturas previstos, atópase o proceso de urbanización do campus (a Xunqueira: nada máis ca campus), unha iniciativa para mellorar os seus espazos públicos e o seu aspecto exterior. Ademais, a Universidade abriu unha canle de negociación co Ministerio de Fomento para conseguir un mellor acceso á zona.

Por último, a oferta académica do campus de Pontevedra tamén foi outro punto de debate na xuntanza. A transformación de Esdemga en grao é unha opción á que o reitor “lle ve moitas posibilidades pola demanda do sector téxtil da formación de directivos e cadros intermedios”. O aumento na oferta de posgrao coa oportunidade de implantar un mestrado de Enoloxía en colaboración con Ourense, o fortalecemento das relacións investigadoras da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal e a necesidade de cooperación transversal entre as titulacións do campus foron outro dos asuntos tratos en materia docente.