DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Uns 50 economistas, empresarios e xornalistas, no cuarto Foro Económico de Galicia celebrado en A To

En infraestruturas máis que a cantidade o que importa é a calidade

Salustiano Mato participou no debate sobre a importancia da potenciar a relación entre universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 25/04/2013

Nun contexto de crise como o que se está a vivir nos últimos tempos, son moitas as empresas que teñen a obriga de ver cara fóra e pensar na exportación como única vía de escape á actual situación económica. Pero para poder facer unha incursión ao escenario internacional e saír ao mercado exterior todo os expertos coinciden nunha cousa: é imprescindible arranxar todos os problemas de infraestruturas e loxística aos que se enfrontan en Galicia. Ese foi o tema de apertura da cuarta edición do Foro Económico de Galicia, que hoxe xoves e mañá venres reunirá a medio centenar de economistas, empresarios e xornalistas no Gran Hotel da Illa de A Toxa para facer unha diagnose da situación, analizar os retos, compartir ideas estratéxicas e levalas ao debate colectivo a través dos medios de comunicación. “Máis dun problema de infraestruturas ao que nos enfrontamos é a un problema de coordinación entre elas. Pero a súa vez, para poder levar a cabo todas as melloras necesarias é fundamental que haxa unha masa crítica suficiente de exportadores”, explicou Santiago Lago, coordinador do acto organizado polo grupo Rede (Research Group in Energy, Innovation and Environment).

Eses foron os eixos centrais da mesa redonda inaugural, protagonizada por Fernando González Laxe, ex presidente de Puertos del Estado y actual director do Instituto Universitario de Estudos Marítimos de A Coruña, que estivo acompañado por Víctor Nogueira, Juan Luis Arregui, Albino Prada e José Ramón Pérez Nieto para debater sobre os principais problemas aos que sofren as empresas galegas por esta falta de estruturas coordinadas: o exceso de taxas portuarias, as restricións no transporte por estrada ou a falta de conexión co tren. “Hai que facer as cousas dun xeito proporcional. Máis que grandes investimentos precísanse resolver os pequenos problemas, non é unha cuestión de cantidade, senón de calidade”, apunta Lago. Un bo exemplo desa falta de previsión é o das instalacións portuarias que non contan con zona a resgardo, o que imposibilita que calquera empresa que traballe con material que non poida estar á intemperie ten que buscar outra alternativa de envío.

Loitar contra a posición periférica

A Eurorrexión é un activo estratéxico para Galicia, pero para conseguir unha economía rexional sólida e competitiva é fundamental desenvolver as súas potencialidades. “Cada vez pesan máis os portos asiáticos e menos os europeos e incluso dentro de Europa, os do Mediterráneo e o norte teñen maior importancia. Galicia é moi pouca cousa pola súa situación periférica”, asegura Lago, para quen a comunidade ten “unhas condicións boas, unhas rutas marítimas moi preto e unha proximidade con América maior que a de calquera outra zona… pero temos que conseguir atraer aos operadores para que se decaten de todas estas vantaxes”.

Catro frontes enriba da mesa

O Foro Económico de Galicia persegue facer unha análise da situación actual para poder plasmar propostas de cambio e de mellora nunha colección de documentos cos que a organización pretende enriquecer o debate público en materia económica na comunidade galega. Son reflexións sobre temas estruturais de presente e futuro que arrancarán abordando a realidade dos catro eixos tratados nesta cuarta edición e que podería chegar ata unha ducia de sectores ao longo do ano. O primeiro dos eidos a ter en conta, a relación entre universidades e empresa e o papel relevante dos consellos sociais, un debate que contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; co presidente do Consello Social da Universidade de A Coruña, Antonio Abril; e o presidente do Grupo Pérez Rumbao, Emilio Pérez Nieto.

O futuro do sector naval galego e as oportunidades de negocio no eido da alimentación, ademais dunha ‘Tormenta de ideas’, servirán para pechar a segunda xornada de traballo dunha plataforma que busca a transferencia do coñecemento abordando problemas socioeconómicos da contorna e achegando perspectivas estruturais a longo prazo. Entre os participantes, responsables de empresas como Coren, Rodman, Ence ou Bricoking e personalidades como Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo.