DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O pasado cuadrimestre 536 persoas participaron nas clases do Centro de Linguas

Inglés e lingua de signos, o obxecto do desexo

Aberto o prazo de inscrición para matricularse nalgún dos 15 cursos de idiomas e obradoiros de conve

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 17/01/2011
Aproveita o que queda de curso para darlle á lingua. É ben sinxelo: só tes que apuntarte a algún dos 16 cursos de idiomas e obradoiros de conversa que o Centro de Linguas da Universidade de Vigo oferta para este cuadrimestre. Aínda que o español para estranxeiros e o inglés son os que máis matriculados teñen cada curso, con varios grupos e niveis, nesta ocasión están descubrindo unha avalancha de estudantes interesados na lingua de signos e en perfeccionar o idioma anglosaxón. “Só leva uns días aberta a inscrición e xa temos ocupadas a metade das prazas ofertadas para estas dúas linguas, sobre todo para conversa en inglés. Aínda que a avalancha virá a última hora, cando rematen os exames e comecen de novo as clases”, explica María Dolores González, directora do Centro de Linguas. Os últimos en sumarse serán os Erasmus, que se inscribirán en español para estranxeiros ”cando cheguen en febreiro, xa que hai moi poucos que tramiten todo no seu país de orixe”.

O ano pasado 1466 persoas participaron nos cursos do centro, preto de 500 nos cursos intensivos que se organizan en verán de español para estranxeiros e de distintos idiomas para o alumnado que vai marchar de Erasmus e para o público en xeral. “Son cursos que teñen moita demanda por necesidade, no que o alumnado está moi motivado e interesado, xa que os que se apuntan sobre todo son os que se van parte do curso a estudar ao estranxeiro ou xente que quere refrescar o seu inglés”, asegura González. O pasado cuadrimestre nin o “peculiar período de matricula deste ano, que rematou antes de comezar o curso”, impediu que 536 persoas participaran nas clases.

O Centro de Linguas pon en marcha estes cursos dirixidos á comunidade universitaria e ao público xeral nos tres campus, aínda que cada idioma ten o seu público: mentres o inglés e o alemán son “típicos de universitarios”, outros como lingua de signos, chino ou xaponés soen ter máis xente de fóra do mundo universitario. “O caso máis claro é o do portugués, no que se inscriben moitos empresarios e que se imparte no centro de Vigo, no Instituto Camoes”, recorda a directora do centro. Na cruz da moeda están idiomas como o ruso e o árabe, “que non sempre saen adiante pola falta de demanda, como ocorreu co francés neste cuadrimestre, algo moi pouco habitual”, apunta González.

Como matricularte

O prazo de inscrición para os cursos do Centro de Linguas (alemán, árabe, catalán, chinés, español para estranxeiros, preparación para o exame do DELE, conversa en inglés e francés, italiano, francés, inglés, portugués, ruso, xaponés e lingua de signos española) remata o vindeiro 10 de febreiro e pode facerse a través da plataforma Bubela ou da web do propio Centro de Linguas.

Os prezos dos cursos oscilarán entre os 60 e os 240 euros, dependendo do número de horas e de se o matriculado pertence á comunidade universitaria ou non. As taxas deben pagarse na conta da Fundación Universidade de Vigo no Banco Santander indicando o código do curso e enviar o recibo de pagamento, copia do DNI e xustificante de estar vencellado á Universidade, se fora o caso, ao Centro de Linguas. Ademais, o alumnado universitario poderá validar os cursos por un ou dous créditos de libre configuración, dependendo de se é de 20 ou de máis de 30 horas.

En busca de profesorado

Por outra banda, tamén está aberto o proceso de selección do profesorado que impartirá as clases durante este segundo cuadrimestre. “O maior problema que temos é cubrir as prazas de chinés e xaponés, xa que precisamos a titulados cuns requisitos que non sempre se cumpren, xa que temos moitos estranxeiros que poderían dar os cursos, pero que só teñen visado de estudo, non de traballo”, recorda a directora do Centro de Linguas.