DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito acollerá do 22 ao 29 de maio un curso de introdución a esta lingua

O inglés tamén é idioma para xuristas

O obxectivo é que o alumnado se familiarice coas súas estruturas básicas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 15/05/2013

Se hai un idioma habitualmente asociado ao dereito ese é o latín. Sen embargo, nunha contorna globalizada como a actual os xuristas precisan cada vez máis manexar outra lingua, concretamente o inglés, para o seu desenvolvemento profesional. Con esta idea en mente, a Delegación de Alumnos da Facultade de Dereito do campus de Ourense, coa colaboración do centro, organizará do 22 ao 29 de maio un Curso de Inglés Xurídico que intentará familiarizar aos participantes co vocabulario e coas estruturas gramaticais máis sinxelas da lingua de Shakespeare.

A formación, que se celebrará exactamente os días 22, 23, 28, 28 e 29 de maio, coincidindo co remate das clases e dos exames, será impartida por María Victoria Fernández, profesora titular do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo. “Tendo en conta que cada vez máis o dereito se enfoca cara o dereito comunitario e internacional, decidimos pór en marcha este curso para contribuír a que os novos titulados da facultade saiban manexarse mellor en inglés, algo que lles pode ser de moita utilidade no seu futuro profesional”, destaca Andonio Bruña, portavoz da Delegación de Alumnos.

O obxectivo da iniciativa, explican os seus promotores, é que o alumnado se familiarice coas estruturas gramaticais e co vocabulario xurídico, de modo que cando se acheguen a un texto legal redactado en lingua inglesa poidan comprendelo. “Trátase dun curso eminentemente práctico, un obradoiro, porque a nosa intención é que os participantes aprendan e se atrevan a manexar este idioma”, salienta Bruña. Por este carácter práctico e por ser unha iniciativa de balde para o alumnado, as 20 prazas dispoñibles esgotáronse ao pouco tempo de abrirse o prazo de inscrición. “Os estudantes, sobre todo os que están facendo os últimos cursos, están especialmente interesados en participar neste tipo de actividades, entre outras cuestións porque o centro ten unha mención de Dereito Internacional á que poden optar e porque co Plan Boloña son cada vez máis as iniciativas que te esixen o manexo deste idioma”, subliña o portavoz da Delegación de Alumnos.