DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iníciase o proceso de eleccións a decano en Ciencias da Educación e do Deporte

As candidaturas coñeceranse o 9 de abril e a votación será o día 20

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
E.L. Castro DUVI 23/03/2010

A Xunta de Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte convocou eleccións a decano. O proceso iniciouse o pasado mércores 17 de marzo coa constitución da xunta electoral por sorteo, á fronte da que quedou como presidenta a profesora Mª Ángeles Parrilla Latas e constituída, ademais, pola secretaria do centro, Mª del Carmen Sánchez Rey, e dous representantes do Persoal Docente e Investigador (PDI) do centro, outros dous do Persoal de Administración e Servizos (PAS) e dous representantes do alumnado.
Este martes fixéronse públicos os censos provisionais, abríndose un período de reclamacións ata o vindeiro venres día 26. Realizadas as modificacións pertinentes, os censos definitivos estarán expostos entre o 29 e o 31 de marzo.
Para a presentación de candidaturas haberá un prazo de tres días entre o 6 e o 8 de abril, cun período para a presentación de reclamacións entre o 12 e o 13 de abril. Ao día seguinte, o 14 de abril, procederase á proclamación definitiva dos candidatos e candidatas e realizarase o sorteo das mesas electorais. Segundo a lexislación vixente, o candidato ou candidata a decano debe ser profesorado con vinculación permanente á Universidade e ten que estar adscrito ao centro no que se presenta. Finalmente, a votación terá lugar o martes 20 de abril.
O actual equipo decanal está integrado por José María Cancela Carral como decano, Alfonso Gutiérrez Santiago como vicedecano de Infraestruturas e Organización Docente, Óscar García García como vicedecano de Converxencia Europea e Relacións Institucionais e Leonardo Fuentes Blanco como vicedecano de Practicum.