DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso integrado no programa "Arrancando motores"

Unha iniciativa pioneira ensina aos alumnos do campus as nocións básica da esgrima

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 04/12/2008

Os tempos dos tres mosqueteiros e D’Artagnan xa pasaron pero o asombro ante o manexo da espada, o florete ou o sable, permanece. Nesas técnicas estanse introducindo algúns estudantes do campus que participan no curso de esgrima incluído no programa de Arrancando motores. A proposta da vicerreitoría é unha grande oportunidade xa que por só dez euros, os participantes dispoñen de todo o equipamente necesario para a práctica deste deporte, algo máis popular desde a medalla de bronce en Pequín do español Pirri.
A duración do curso abonda para aprender o “abc dos distintos aspectos deste deporte como as posicións, os desprazamentos, os ataques e as defensas simples”, sinala o monitor, Adrián Cubela. Coma no xadrez, “o dominio do xogo mental é importante, a capacidade de planear unha estratexia” e axuda a mellorar a coordinación, os reflexos e a destreza. Ademais, sinala Cubela, “cando se practica contra un contrincante resulta moi divertido”.
Nisto coinciden os alumnos do curso. Chegaron ao pavillón universitario coa intención de “divertirse facendo unha actividade cos amigos” e o curso está satisfacendo as súas expectativas. Segundo comenta César Barbolla, “resulta interesante probar con este deporte e despois, se se quere ir máis aló do lúdico, integrarse nun clube”.
Nestas dúas primeiras semanas de decembro tamén se están celebrando master-class de aérobic, de 8.00 a 9.15 horas da mañá, ofertadas de xeito gratuíto a toda a comunidade universitaria. Deste xeito, as instalacións do pavillón universitario, das que antes só gozaban os alumnos da Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ábrense a toda a comunidade.
O programa Arrancando motores culmirá coa celebración o día 11 de decembro dun maratón de aerobic solidario a beneficio de UNICEF e do Comedor dos Padres Franciscanos. Un quilo en especies ou uns euros é todo o que fai falta, ademais de ganas de pasalo ben dun xeito produtivo para os máis necesitados, para participar, desde as 21.00 ata as 00.00 horas, no pavillón universitario (Rúa da Cruz Vermella).