DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñaría Forestal acolleu a presentación do proxecto ‘RuralActivo’

Iniciativas fronte ao despoboamento do medio rural para abrir a Semana Forestal 2014

Actividades gandeiras ou de produción de cogomelos permitirían crear postos de traballo no monte gal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 18/03/2014

Despoboamento, avellentamento da poboación e abandono das actividades económicas vinculadas á agricultura son tres dos factores que definen a realidade actual do rural galego, a xuízo de Isabel Díez, dinamizadora do proxecto RuralActivo e responsable da charla coa que este martes deu comezo a Semana Forestal 2014. De aí que na presentación na Escola de Enxeñaría Forestal deste programa de dinamización socioeconómica de tres parroquias rurais puxese o foco nas alternativas que permitirían cambiar esa tendencia e que, en moitos casos, pasan por un mellor aproveitamento dos montes a través de iniciativas vinculadas á gandería, ao aproveitamento dos recursos forestais ou á produción de cogomelos.

Neste senso Díez trasladou ao alumnado as experiencias de diferentes cooperativas gandeiras e agrícolas “que co seu labor nos montes contribúen a evitar os lumes forestais e á creación de postos de traballo”, así como a reverter a problematica de que "o monte deixara de ser a base do modelo agrario" que ao seu xuízo viu motivada polo paso "da agricultura tradicional a un modo de agricultura industrializada", que trouxo tamén como consecuencias unha "perda de biodiversidade e problemas ambientais e sociais". Por iso, esta integrante da cooperativa Feitoría Verde avogou por impulsar iniciativas que permitan "mudar o rural galego" e apuntou que “no sector forestal atópase un dos piares, xunto agro, para potenciar o medio rural de tal xeito que a xente non só poida sobrevivir na súa contorna, senón transformar esta dinámica de abandono do rural”.

Nunha liña similar pronunciouse tamén o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Enrique Valero, na presentación desta charla, na que incidiu na necesidade de impulsar proxectos que “a través dos recursos existentes traten de devolverlle ao medio rural, abandonado e empobrecido, a vida que debería de ter”. Neste senso, Valero salientou as capacidades e o futuro que ten o sector forestal en Galicia, vinculadas a áreas como a economía verde ou as enerxías renovables e que fan necesarios “profesionais formados que traten de poñer en valor todos eses recursos”.

Un proxecto para fomentar o autoemprego no rural

Impulsado polo Concello de Pontevedra e dinamizado polas cooperativas Maos e Feitoría Verde, RuralActivo é unha programa de dinamización socioeconómica das parroquias de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido, que “busca impulsar o xurdimento de cooperativas e de iniciativas de autoemprego no rural”, explica Díez. Para logralo, realizouse en primeiro termo un “diagnóstico participado” coa veciñanza co obxecto definir as áreas nas que existe un potencial para xerar actividade económica. E o aproveitamento agrícola e forestal foi, xunto co turismo e o coidado de persoas maiores e nenos, unha das áreas destacadas polos habitantes da zona na primeira fase deste programa, que logo deu pé á realización dunha serie de actividades formativas. Tralo desenvolvemento de diferentes encontros e actividades coa idea de orientar a veciñanza, o programa iniciará proximamente a súa terceira fase, centrada en “ofrecer asesoramento a proxectos concretos”, explicou Díez, que apuntou tamén ao alumnado que, aínda que está focalizado nunha zona rural concreta, RuralActivo “está aberto a calquera que queira participar coas súas iniciativas”.

Primeiro acto da Semana Forestal

Con motivo da conmemoración, este venres 21, do Día Mundial Forestal, a Escola de Enxeñaría Forestal e a Delegación de Alumnos do centro impulsou para esta semana un programa de actividades que, trala presentación deste martes, continuará o xoves con diferentes charlas. Nesa xornada, a actividade iniciarase ás 11.00 horas co relatorio Laboratorio de proxectos. Cara o emprendemento desde a participación, no que intervirá a dinamizadora xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar Ana Belén Seco. Ao remate desta presentación, terá lugar unha charla sobre saídas laborais vinculadas ao sector da bioenerxía, impartida por Francisco Alvarez, ex-alumno da escola e xerente da empresa de fabricación de pellets Ecowarm. Ás 13.00 horas, a actividade continuará na escola coa presentación do proxecto sociocultural Tangram, da Vicerreitoría do campus, no que se anima ao alumnado a participar na construción dunha caseta veciñal, no deseño de mobiliario que responda ás necesidades da cidadanía e nun banco escola no que se intercambiarán formación e coñecementos. Xa pola tarde, o centro acollerá un relatorio sobre a dinámica das poboacións de salmón en Galicia a cargo de Pablo Caballero, xefe da Sección de Biodiversidade do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta.

Xa por último, a Semana Forestal 2014 pecharase o propio Día Mundial Forestal, o venres 21, coa plantación dunha árbore á entrada da escola ás doce do mediodía.