DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Dacosta, director da MITEU:

“Iniciativas como a mostra son fundamentais para que unha sociedade estea viva”

Esta edición comezou o día 11 de abril rematará o vindeiro 27

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 16/04/2008

Grupos de teatro chegados de todos os recunchos do mundo, espectáculos, concertos, obras musicais, pasarrúas, clowns, e incluso unha exposición de pintura, son algunhas das actividades que este ano presenta a ambiciosa edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario. Fernando Dacosta, director da MITEU e pertencente ao grupo de teatro que a organiza, Sarabela, coñece ben o traballo que supón contar cunha oferta tan ampla de actuacións. Agora, inmerso de cheo na décimo terceira edición, que arrancou a súa andaina o día 11 de abril e rematará o 27, fai balance de como se está a desenvolver.

A XIII edición da MITEU chega ao seu ecuador. Que valoración fai destes intensos días?
Ata o de agora o máis importante é que notamos un incremento de público que, penso, ten que ver, por un lado, co bo tratamento nos medios de comunicación que estamos a recibir e, por outro, con todas as accións que hai na rúa, que ademais de ser accións teatrais e artísticas en si mesmas, tamén teñen unha función promocional.
Ata o de agora, artisticamente, teñen vido espectáculos de cortes e duracións moi distintas, cunha boa acollida, e creo que nos faltan aínda bastantes pratos fortes.

E cales son esas actuacións estrela que o público non pode perder?
Aínda nos quedan cousas moi interesantes por ver, por exemplo a compañía profesional de Zaragoza, Che y Moche, coa obra Uoa Umplute, un musical semellante a un concerto cíngaro, moi divertido, e que funcionou moi ben na Feira de Teatro de Tárrega, unha das importantes en España, onde foi un espectáculo revelación, e que terá lugar hoxe mércores ás 23.00 horas no Auditorio Municipal.
Estamos tamén xa cos nervos do grupo universitario de terceiro nivel, Maricastaña, a pesar de que vai ser a quinta actuación que facemos e de que despois temos unha xira por todo o país e por Portugal, pero a MITEU sempre é unha función moi especial. Nesta ocasión será o sábado 26 de abril ás 23.00 horas no Teatro Principal.
E por último, destacar tamén aos músicos da India, OM/OFF, que actuarán o venres 18, ás 23.00 horas no Auditorio, e como non, a Leo Bassi.

Precisamente, Leo Bassi é, probablemente, o nome máis coñecido do cartel da mostra, pola súa faceta televisiva. O xoves pola noite chega ao Auditorio coa súa obra La Revelación. Que nos pode dicir vostede deste espectáculo?
Leo Bassi conecta coa MITEU no seu humor ácido e no senso de que fai teatro social. Ten esa faceta televisiva coñecida pero realmente el é un animal escénico, un bufón e un malabarista, que provén dunha familia que traballou no circo. Ten unha formación técnica impresionante e o que fai é reflexionar sobre distintos aspectos da sociedade e, en concreto, La Revelación advirte da relixión e de como no la colan con discursos de telepredicadores. A súa provocación é una provocación intelixente, polo que esperamos que haxa unha resposta de público importante porque é un Leo Bassi diferente do coñecido pola súa faceta en televisión, que el mesmo acabou deixando.

Falamos do que está por vir, pero do que xa pasou pola mostra, cales foron os espectáculos que máis sorprenderon aos espectadores?
Destacar quizais a reacción tan bonita e tan emotiva que houbo coa obra Sempre hai alternativas, do grupo formado por reclusos do centro penitenciario Pereiro de Aguiar, na que se levantou todo o público a aplaudirlles, porque se ve o esforzo que están levando a cabo. Un deles dixo no coloquio posterior que sentía que nun momento determinado da súa vida lle fixera dano á sociedade e que agora lle gusta sentir que está facendo algo por ela, porque se trataba dunha peza de advertencia sobre o mundo das drogas. Non me gusta destacar a uns por riba doutros, pero Alacante tamén gustou moito pola espectacularidade da súa representación El Blues de Macky Navaja, xa que era un musical con 22 actores en escena.
En canto aos grupos de Ourense, tamén tiveron moi boa acollida, tanto o espectáculo de Cordelia, que está fragmentado en escenas, como soen facer, coma o dos escaparates, de Rosaura, Ollar o mundo, que chamou moito a atención, xunto cos clowns e toda a festa que se montou na xornada inaugural. Estas actuacións na rúa chegan a moita xente, e só aí, grazas aos alumnos da Aula de Teatro do campus, en dous días repartimos 7.500 octavillas coa programación entre a xente que estaba vendo. É un xeito tamén de que, aínda que moitas desas persoas non vaian ser espectadores do teatro, polo menos coñezan que se están a facer este tipo de actividades dende a Universidade.

Comentaba antes aumento de público en xeral. Como está sendo, concretamente, a resposta da comunidade universitaria e da sociedade ourensá?
En canto á comunidade universitaria está funcionando moi ben. Imos levar dous espectáculos directamente ao campus, e cremos que o núcleo da MITEU segue sendo universitario, aínda que hai xente maior que tamén acode. É certo que cada vez hai unha maior variedade dentro dos espectadores e tratamos de incidir en todos os sectores para que todo o mundo estea ao tanto da mostra. Hai moitos espectáculos en poucos días e ata o de agora estamos moi contentos da acollida.

Despois de 13 anos celebrando a MITEU, que diferenzas hai entre aquela primeira edición e esta última?
Nos comezos a mostra era só de teatro universitario. Agora a base segue a selo, con aproximadamente a metade dos grupos, pero tamén hai moito teatro profesional, concertos, a exposición de pintura, ou as charlas. Imos engadindo elementos para facer distintas actividades culturais ao redor da MITEU. Curiosamente, cada vez estamos máis nerviosos, porque temos máis responsabilidade polos espectáculos que veñen, e por xestionar os cartos públicos para que repercuta positivamente na cidadanía. Son iniciativas fundamentais para que unha sociedade estea viva e se xere esa reflexión e esa crítica.
Cada vez tamén estamos máis apurados, e é o que nos dá rabia, non poder atender a todo o mundo axeitadamente. Por exemplo, hai tanta actividade este ano que os coloquios se están reducindo, están sendo practicamente improvisados porque é acabar unha función e ao cabo de tres cuartos de hora hai que estar preparados noutro espazo. A medida que isto medra, hai máis movemento de xente, e máis ambiente, pero tamén hai algunhas cousas que intentamos que non se perdan pero que é moi difícil manter.

Na rolda de prensa de presentación deste ano, comentastes que en canto comeza unha edición, xa tendes que comezar a traballar na seguinte. Cara onde ides encamiñar o futuro da MITEU?
Agora estamos de cheo nesta edición, despois virá a fase de balance e contas, que rematará en xuño, e descansaremos un pouco no verán, para xa comezar a pensar en que espectáculos podemos traer. Reflexionamos se algo non saíu ben para mellorar.
O teatro universitario, polas súas características, hai que pechalo cara o mes de febreiro, pouco antes de comezar a mostra porque hai moitas variacións. En canto ao resto, hai que estar pendentes de que obras están a funcionar, se o seu caché entra dentro das nosas posibilidades, para, como neste ano, traer 32 espectáculos, que son moitos, co orzamento que manexamos, de 90.000 euros. Estes cartos proceden dos patrocinadores, que son o Concello de Ourense, concretamente da Tenencia de Alcaldía, da Vicerreitoría do campus, do Teatro Principal, que depende da Deputación Provincial, e da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Despois tamén hai unha colaboración coa Concellería de Educación, que merca entradas para as funcións destinadas a estudantes de ensino secundario.
En canto ao futuro, pensamos seguir igual, intentando que sexa unha cita esperada, que cada vez se achegue máis xente, porque hai a quen aínda lle custa o de ir ao teatro, pese aos prezos populares e á variedade de obras que temos, dende clásicas ata as máis contemporáneas. Ademais, normalmente tamén vén un cabeza de cartel máis coñecido, que tira do público promocionalmente, sempre e cando sexan espectáculos de interese, para abarcar ao maior número posible de espectadores.