DUVI

Diario da Universidade de Vigo

73 titulados e tituladas en Publicidade e RRPP e 37 en Fisioterapia celebraron o fin dos estudos

O inicio dun novo tempo para 148 novos graduados e graduadas

A Escola Universitaria de Enfermaría despediu a 38 egresados e egresadas no ano do seu 40 aniversari

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 20/06/2014

Un tempo de cambio, o fin dunha etapa e o inicio doutra. Iso é o que simbolizan os actos de graduación que, un venres máis, encheron o campus de celebracións, lembranzas e palabras de recoñecemento. Non en van, nesta xornada a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación despediu aos 73 novos titulados e tituladas da segunda promoción do grao en Publicidade e Relacións Públicas, pouco despois de que os 37 integrantes da quinta promoción do grao en Fisioterapia fixesen balance coas súas familias e docentes dos anos de esforzos que precederon ao momento de recoller os seus diplomas. Ademais, a Escola Universitaria de Enfermería tamén despediu nesta xornada aos 38 mozos e mozas que constitúen a primeira promoción de graduados e graduadas dun centro que neste 2014 cumpre 40 anos.

A “primeira gran conquista” dunha nova xeración de fisioterapeutas

“Un momento transcendental na vida”, iso foi o que viviron na tarde deste venres os integrantes da quinta promoción do grao en Fisioterapia, segundo a decana do centro, Eva María Lantarón. Acompañados polos seus amigos e familiares e por aqueles que durante os últimos anos se dedicaron a preparalos para a súa entrada no mundo profesional, estes 37 titulados e tituladas foron “os verdadeiros protagonistas deste día”, como salientou o reitor, Salustiano Mato, que xunto a Lantarón e ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presidiu un acto de graduación que tivo lugar na Escola de Enxeñaría Forestal.

Alí, esta nova xeración de fisioterapeutas recibiu un recoñecemento polo que Lantarón definiu como “a primeira gran conquista persoal para moitos de vós”. Neste senso, a decana recordoulles aos que foron os seus alumnos e alumnas que o que nesta xornada estaban a celebrar era froito do esforzo realizado ao longo dos anos. Nun acto que constitúe “un punto de chegada e, ao mesmo tempo, un punto de partida”, Lantarón animounos a “confiar en vos mesmos, a ser esixentes co voso traballo e a loitar para que a fisioterapia alcance o lugar que se merece”. Así mesmo, convidounos a seguir ampliando a súa formación e, ao mesmo tempo, a tratar de contribuír, como persoas e como profesionais, “a proporcionar benestar a nosa sociedade”.

“Todos vos sodes xa parte das nosas vidas, da memoria desta facultade”, engadiu Lantarón, que ao igual que o padriño desta quinta promoción, o profesor Gustavo Rodríguez, quixo ter unhas verbas de recordo para Ramón Escudeiro Tilve, “un alumno desta promoción que lamentablemente xa non se atopa hoxe entre nós”.

A festa da titulación coa que naceu unha facultade

Festa de graduación foi o nome que o alumnado da segunda promoción do grao en Publicidade e Relacións Públicas quixo darlle a un acto no que o recoñecemento académico se viu combinado co humor ou coa proxección de vídeos que facían balance dalgúns dos momentos que este grupo de 73 titulados e tituladas viviu na súa etapa na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Aínda que na carreira estudamos protocolo, hoxe non vamos facer uso deses coñecementos”, advertiu ao inicio do acto Marta Carneiro, unha das integrantes desta promoción e a responsable de conducir o acto xunto co tamén titulado Luis Suárez, que presentou esta festa de graduación como unha “última broma entre amigos”.

Mais tampouco faltaron neste acto as verbas de recoñecemento aos anos de esforzo e aprendizaxe, como as que lles trasladaron os padriños da promoción, os profesores María Isabel Míguez e Vicente Badenes, ou as que lles brindou o decano en funcións, Celso Cancela, para o que o termo de festa resultaba moi apropiado. Non en van, “hoxe celebramos a culminación dunha empresa, a consecución dunha meta que vos fixastes, aproximadamente, hai catro anos”, salientou Cancela, que convidou aos novos titulados e tituladas a “afrontar o futuro con paso firme”. Mais o decano tamén recoñeceu que nesta xornada tamén cabía “algo de tristura”, posto que supuña “deixar atrás unha pequena parte da vosa vida”, que transcorreu nunha facultade nacida hai dúas décadas precisamente coa implantación da licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas.

Os primeiros graduados e graduadas dun centro con 40 anos

Este 2014 tamén será un ano sinalado na historia da Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade, que nesta xornada celebrou a fin dos estudos da súa primeira promoción e graduados e graduadas. Fíxoo ademais no momento no que se cumpren 40 anos do nacemento dun centro que deu os seus primeiros pasos como escola e ATS da Cruz Vermella e que desde 1978 funciona como escola universitaria.

O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; o director da escola, Miguel Ángel Piñón, e a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez, encargáronse de presidir o acto de despedida desta primeira promoción. “Agardo que sintades ese orgullo de ser os primeiros, de ser a vangarda, de formar parte dun grupo especial”, salientou o vicerreitor, que animou aos novos titulados e tituladas a seguir formándose e a exercer como “os mellores embaixadores” da Universidade. Así mesmo, a Corbacho correspondeulle tamén impartir a “última lección” a este grupo de titulados e tituladas, a través dun relatorio titulado A Universidade diante do reto da especialización, no que incidiu na necesidade de que a institución académica se adapte “ás novas necesidades sociais nuns tempos nos que os cambios se producen cada vez con maior celeridade”. Nese senso, o vicerreitor destacou que a investigación e a innovación son “imprescindibles para o progreso da sociedade” e afondou no proceso de especialización que o campus está a vivir a través do proxecto Campus Crea, co que busca converterse “nun dinamizador dunha rede multidisciplinar de ensinanza, investigación e transferencia de tecnoloxía e coñecemento en permanente contacto coa súa contorna”.