DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolleu o acto de benvida ao estudantado estranxeiro

O inicio dunha “experiencia inesquecible” para o alumnado chegado de máis lonxe

Pontevedra recibe neste primeiro cuadrimestre a 50 alumnos e alumnas de 14 nacionalidades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 22/09/2014

Desde o interese que espertaron os plans de estudos das diferentes titulacións, ata a proximidade xeográfica a Portugal, sen esquecer a vontade de moitos de aprender castelán… Son múltiples os motivos que neste inicio de curso 2014/2015 trouxeron ata Pontevedra a un total de 50 alumnos e alumnas estranxeiros, da man do programa Erasmus e dos convenios bilaterais subscritos pola Universidade. A meirande parte deles reuníronse este luns na Casa das Campás, onde os responsables de diferentes servizos da institución académica lles informaron de todos aqueles recursos que teñen ao seu alcance para que o seu paso por Pontevedra se converta nunha “experiencia inesquecible”, como desexou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho.

Acompañado pola técnica superior de Relacións Internacionais Eva Garea, Corbacho presidiu nesta xornada “o acto de benvida máis numeroso dos últimos anos”, segundo sinalou Garea, e no que os responsables de Extensión Cultural, Biblioteca, Área de Normalización Lingüística e Centro de Linguas, xunto aos representantes da asociación ESN Vigo, informaron das diferentes propostas formativas, culturais ou deportivas que acolle o campus a este grupo de alumnos e alumnas de 14 nacionalidades, dos que 11 permanecerán no campus todo o curso académico. “Cada vez recibimos máis estudantes, procedentes dun maior número de países”, destacou Garea, que fixo énfase na importancia crecente que está a adquirir o alumnado chegado de América Latina, así como no feito de que “estean a chegar tamén alumnos procedentes de Asia, no caso do campus de Pontevedra, un estudante que vén de Taiwan”.

Brasil e México achegan ao maior número de alumnos

Non obstante, os dous países que máis estudantes de intercambio achegan ao campus son Brasil, con 11, e México, con 9. Deste último país proceden Graciela Ramírez e Stephanie López, dúas alumnas da Universidade de Guadalajara que durante o primeiro cuadrimestre se formarán nas aulas dos Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga). “Era o programa de estudos máis parecido ao da nosa especialidade en Mercadotecnia aplicada á moda”, sinala Ramírez, que tamén destaca que un dos motivos que as animou a vir a Pontevedra foi “o preto que está de Portugal, xa que queremos aproveitar estes meses non só para coñecer España senón tamén para visitar outros países”.

En México naceu tamén Mariana Jiménez, que neste caso chegou a Pontevedra desde a universidade italiana de Perugia, onde cursa estudos de Comunicación Publicitaria. Despois de “recibir moi boas referencias” o pasado curso da Universidade de Vigo por parte un alumno do grao en Publicidade e Relacións Públicas que se atopaba de Erasmus en Perugia, Jiménez decidiu desprazarse a Pontevedra coa idea de obter “unha formación fundamentalmente práctica en materias que se adaptan moi ben aos meus estudos”. Farao na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o centro que máis estudantes de intercambio acolle neste primeiro cuadrimestre, un total de 23. Tras esta sitúanse a Facultade de Belas Artes, que contará con 15 alumnos estranxeiros, e Ciencias da Educación e do Deporte, con 8, mentres que Fisioterapia e a Escola de Enxeñaría Forestal contarán ambas con dous estudantes de intercambio.

O interese que esperta unha cidade pequena

O feito de que Pontevedra sexa unha “cidade pequena, tranquila, na que se pode ir camiñando dun lado a outro e que, ademais, está preto das praias”, é outro argumento a ter en conta á hora de decidirse por ela como destino universitario, como salienta o brasileiro Jacks Ricardo Selistre. Chegado da Universidade de Caxias do Sul para formarse en Belas Artes, este estudante recoñece que lle gustou todo o que puido ver da cidade por internet e que nos seus primeiros días aquí, Pontevedra estalle a causar "unha moi boa impresión”:

No tocante a Europa, Alemaña convértese no país que máis alumnado achega ao campus, un total de 7 estudantes, entre os que se atopa Charlotte Jautz. A Facultade de Belas Artes será durante os próximos meses o destino desta estudante da Universidade de Hildesheim, que sitúa entre as principais razóns que a trouxeron ata aquí o seu interese por perfeccionar un idioma que xa coñece. “Aprendín algo de castelán na escola e é un idioma que me encanta”, salienta.

Tamén acudirán á Facultade de Belas Artes as dúas estudantes polacas que Pontevedra recibe neste primeiro cuadrimestre, Marta Guga e Michalina Przybylimska, dúas alumnas de Historia da Arte da Universidade de Lomz. Visitar “unha parte de España moi pouco coñecida en Polonia, como é Galicia” e aproveitar tamén que “está moi preto de Portugal” son algúns dos factores que animaron a estas dúas estudantes a vir ata Pontevedra, a onde as trouxeron tamén “unhas materias moi interesantes que non temos no noso plan de estudos alá, onde a formación é máis teórica”, engade Guga, que destaca a “agradable atmosfera” que atoparon nunha cidade “na que a xente é moi amable”.