DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O escritor ofrece unha conferencia este mércores en Vigo organizada polo Consello Social e Campus do

Innovación e cooperación en tempos de crise segundo Álex Rovira

É o autor de obras de nonficción en español de maior éxito internacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 18/10/2011
“Négome a renunciar á utopía. Creo que hoxe, máis que nunca, son necesarios os idealistas sumamente prácticos, os que tocan cos pés no chan, pero anhelan as estrelas”. Quen así se expresa na súa web persoal é Álex Rovira, economista e autor dunha decena de libros dos que ten vendido preto de cinco millóns de exemplares , o que o converte no autor de obras de nonficción en lingua española de maior éxito internacional. Quen ostenta a paternidade en exclusiva ou compartida de títulos como La buena suerte, La brújula interior, Los poderes e La buena vida, achegará este mércores en Vigo a súa particular visión sobre a necesidade de innovar e cooperar en tempos de crise como o actual.

Transformación e innovación: crise, crisálida, crisol é o titulo da conferencia que organizada polo Consello Social da Universidade de Vigo e Campus do Mar, Rovira ofrecerá a partir das 20.00 horas deste mércores, 19 de outubro, no Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia con entrada libre ata completar aforo. Un relatorio co que Campus do Mar e o Consello Social da Universidade de Vigo afondan no obxectivo de fomentar a cultura innovadora na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, unha cuestión capital para o desenvolvemento intelixente deste territorio.

Crente no poder transformador la palabra

Nacido en 1969 en Barcelona, Rovira é economista de formación e ávido lector e apaixonado da psicoloxía en xeral de vocación. “Creo firmemente na terapia psicolóxica como ingrediente cotián e indispensable para reenfocar continuamente a vida. Creo que todo o ser humano é, en esencia, positivo e que ten un enorme potencial de desenvolvemento”, asegura o escritor que afirma sentir especial debilidade pola obra de JRR Tolkien e autores e compiladores de contos da tradición como Anthony de Mello e Idries Shah.

Rudolph Guiliani, Madeleine Albright, Alan Greenspan e Paul Krugman forman parte dun longo listado de personalidades coas que Álex Rovira, na súa faceta de conferenciante internacional, ten compartido foro. Quen afirma crer “profundamente no poder transformador da palabra”, imparte relatorios con contidos relacionados coa psicoloxía, filosofía, socioloxía, xestión empresarial, investigación e innovación.