DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O III Congreso Nacional de i+d en Defensa e Seguridade reúne a 230 investigadores na Escola Naval

A innovación en defensa ten unha aplicación directa na sociedade

Ao longo destas xornadas, presentaranse preto de 140 proxectos de investigación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 19/11/2015
Servir como punto de "encontro, presentación e debate do traballo de investigación que se realiza nos ámbitos da seguridade e da defensa” é, como sinala o director do Centro Universitario da Defensa (CUD), José María Pousada, o propósito central do Congreso Nacional de i+d en Defensa e Seguridade DESEi+d, que desde esta xornada reúne na Escola Naval Militar de Marín a preto de 230 investigadores e representantes dos corpos e forzas de seguridade e das empresas do sector. Nacido inicialmente como “foro de difusión” dos proxectos desenvolvidos nos centros universitarios da Armada, este congreso rotatorio, que neste 2015 organiza por primeira vez o centro adscrito á Universidade de Vigo, busca así mesmo fomentar sinerxías coas universidades e o mundo empresarial, co propósito de que poidan coñecer o traballo duns “investigadores que teñen moito que achegar”, como sinalou Pousada. Non en van, como engadiu o delegado en España da IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers), Federico Peña, as innovacións xurdidas no eido militar “teñen unha aplicación directa na sociedade civil”.

Con ese propósito precisamente de “compartir experiencia e resultados”, as conferencias plenarias vense complementadas no congreso que se desenvolve ao longo das xornadas de xoves e venres cunha serie de sesións dirixidas á presentación dun total de 141 proxectos de investigación, dos que preto de preto de 90 proceden dos tres CUD existentes en España e doutros organismos das forzas armadas e dos corpos de seguridade. De aí que Pousada incidise no valor de que “poidan compartir as súas experiencias e resultados” na inauguración deste congreso, na que o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, puxo de relevo a importancia que ten para a Universidade de Vigo o I+D, demostrado polo feito de que nos seus 25 anos de historia “fomos capaces de captar máis de 100 millóns de euros neste ámbito, precisamente porque cremos que esa investigación ten que ter un traslado á sociedade e aos sectores industriais”.

Por ese motivo, Corbacho salientou que “nos sentimos orgullosos de que o CUD contribúa a ese labor e forme parte do noso campus”, ao tempo que o director da Escola Naval, José Manuel Nuñez Torrente, insistía no compromiso coa ciencia do centro militar e da Armada, como tamén fixeron o director de Ensino Naval, Aniceto Rosique, e o subdirector xeral de Planificación, Tecnoloxía e Innovación da Dirección General de Armamento e Material, Jesús Manrique. Así mesmo, a apertura do terceiro congreso DESEi+d contou coa participación do director da Axencia Galega de Inonvación, Manuel Varela, quen destacou este foro como unha “oportunidade moi importante para o intercambio de coñecemento” e avogou por “aproveitar o carácter dual de moitas innovacións”, incidindo en que “o ámbito da defensa ten un impacto no mundo civil, como tamén acontece ao revés”.

A importancia da I+D no ámbito da defensa

Neses vínculos entre a innovación militar e civil puxo tamén o acento Federico Peña, quen xunto con Judy Brady, protagonizou a primeira sesión plenaria deste congreso, dedicada a dar a coñecer as contribucións realizadas pola asociación internacional de enxeñeiros e enxeñeiras IEEE ao mundo da defensa e seguridade. Nese senso, o seu responsable en España explicou que “aproximadamente o 45% das institucións que utilizan as tecnoloxías da IEEE no mundo están dedicadas á industria da defensa”. De aí que puxese de relevo a importancia que ten este sector no fomento da innovación, ao tempo que incidía en que “os adiantos na industria da defensa teñen, nun corto prazo, unha aplicación moi directa na industria civil e polo tanto, na sociedade”.

Exemplos como a propia internet, “que inicialmente foi desenvolvida por investigadores da defensa” ou o traballo de I+D desenvolvido na industria aeroespacial cun material como o grafeno, do que un dos seus derivados “é hoxe en día un dos compoñentes das raquetas de tenis” serviron a Peña Aranda como exemplos para afondar nesa interrelación. Por iso, o representante de IEEE concluíu que “os investimentos en defensa son moi importantes para o desenvolvemento dun país”.

Os primeiros traballos de fin de grao na historia do CUD

A autentificación de documentos, o deseño de redes inhalámbricas submarinas, o cifrado de sinais ou o estudo da aerodinámica dos buques son tan só algúns exemplos dos 141 proxectos que ao longo destas dúas xornadas se presentarán na Escola Naval, nunha serie de mesas centradas nas áreas de adquisición de información e procesado; enerxía e materiais; sistemas e modelado e sociedade, economía e humanidades. Xunto aos preto de 50 proxectos achegados desde diferentes universidades e centros de investigación e os 16 presentados por investigadores dos corpos de seguridade, un total de 75 presentacións corresponden ao propio labor investigador que se vén desenvolvendo nos centros universitarios da defensa de Marín, Zaragoza e San Javier (Murcia), onde, como lembrou Pousada, “sumamos máis de 150 profesores e investigadores", cuxa capacidade debe orientarse a temas de interese da defensa” e que, engadiu, deben “servir de enlace cos grupos de investigación das universidades”.

Nese senso, o director da Escola Naval puxo de relevo a “excelente contribución” que a posta en marcha, no ano 2009, do CUD, onde os futuros oficiais da Armada cursan tamén os estudos conducentes a obtención do grao en Enxeñaría Mecánica pola Universidade de Vigo, supón non só na faceta docente, senón tamén na investigación, “que nos achega un valor engadido do que nos sentimos orgullosos”, motivo polo que a escola agarda dotarse proximamente dun edificio para desenvolver ese labor. De feito, como lembrou Nuñez Torrente, entre os investigadores e investigadoras que participan neste foro atópanse unha serie de oficiais que o pasado mes de xuño conformaban a primeira promoción de graduados e graduadas do CUD, e que presentan a este congreso os seus traballos de fin de grao, dos que destacou “a gran calidade e a innovación que achegan, así como a súa potencial aplicación no ámbito da defensa e as forzas armadas”.