DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo acolle a vindeira semana o Congreso de Tecnología, Aprendizaje y Enseñanza de la Electrónica

Innovación metodolóxica para mellorar o ensino da electrónica

Profesores de universidades españolas e latinoamericanas propoñen novas metodoloxías didácticas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 07/06/2012
Como en calquera outro eido, a docencia da electrónica está está suxeita a innovacións metodolóxicas e de concepto para tentar mellorar a didáctica deste eido do saber. Este esforzo por avanzar nas técnicas de ensino une a profesores de distintas universidades españolas e latinoamericanas nunha rede internacional que se dará cita a vindeira semana en Vigo arredor do X Congreso de Tecnología, Aprendizaje y Enseñanza de la Electrónica.

Entre os días 13 e 15 deste mes preto de 100 representantes de universidades españolas, portuguesas e latinoamericanas reuniranse na Escola de Enxeñería Industrial coa vista posta en incentivar o emprego de metodoloxías activas de aprendizaxe e dun ensino cunha forte vinculación á práctica profesional. A idea é reflexionar sobre os problemas aos que se enfronta a xeración de recursos didácticos, principalmente con base tecnolóxica, e o fomento da reutilización e xeración cooperativa do coñecemento.

O reto das enxeñarías

Ao fronte do comité organizador están Alfonso Lago, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica e Martín Llamas, do de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo. Segundo explican, a adaptación das enxeñarías ao novo modelo de ensino do Espazo Europeo de Educación Superior, “supuxo un enorme reto”, porque a aplicación do novo plan require destas disciplinas un cambio maior. Lago destaca que “máis que un reto dos docentes de electrónica, a incorporación á estrutura EEES é un reto para os docentes da enxeñaría. A pesar de que moitos dos recursos didácticos xa se estaban usando, a adaptación a unha nova metodoloxía e sobre todo a incorporación da palabra "aprendizaxe" ás titulacións de enxeñaría está resultando máis difícil que noutras titulacións”. Neste encontro, os docentes poderán intercambiar impresións sobre este proceso de adaptación á nova estrutura e de incorporación de ferramentas (fundamentalmente baseadas en software libre) que permitan maior facilidade en devandita adaptación.

Programa do congreso

O congreso, con sesións plenarias, paralelas e mesas redondas, abordará catro temas principais. Por unha banda tratarase de actualizar o EEES de cara ao 2012 e, por outra, afondarase nas novas oportunidades no proceso de ensinanza, en especial na formación en competencias, o traballo colaborativo e a Web 2.0 e 3.0. Un terceiro campo de traballo serán os modelos de ensino mixto para a formación da enxeñaría, con laboratorios virtuais e remotos. Finalmente trataranse os novos recursos educativos, a reutilización, os obxectos de aprendizaxe, os materiais libres e as mellores prácticas. En total presentaranse 104 traballos que se complementarán con poñentes americanos e europeos nas sesións específicas. O 86% dos autores son españois aínda que tamén están representados países coma Brasil, Arxentina, Colombia, México, Austria, Bulgaria, Cuba, Uruguay, Panamá, Paraguay e Estados Unidos.

Dentro do contido do congreso, ademais das ponencias e relatorios, terán lugar dúas mesas redondas dedicadas ao debate sobre a acreditación do profesorado universitario e a influencia do EEES no ámbito das titulacións de enxeñaría. Lago destaca tamén dúas sesións especiais, unha titulada Performance-Centered Adaptive Curriculum for Employment Needs na que participarán diversos especialistas europeos e outra titulada Novas Tendencias en Tecnoloxías da Aprendizaxe coa idea de incluír algúns artigos máis de temática máis aberta ao Learning Technologies e non pechada a electrónica. Finalmente, tamén terán lugar sesións paralelas para a presentación de artigos orais, presentación de posters, demostracións de produtos educativos acabados e exposicións de compañías da industria electrónica.