DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entrega do Premio Espírito Emprendedor

Innovar e emprender dende a Universidade para saír da crise

Recoñece dúas ideas sobre a industria vitivinícola e a tecnoloxía de picosatélites Cubesat

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 10/10/2011
Nas receitas de políticos e economistas para saír da crise hai unha idea recorrente pero de percorrido complicado. Innovar e emprender. A sociedade anima ás novas xeracións a arriscarse, a converter as súas ideas en iniciativas empresariais e a crear emprego, a contribuír para saír da crise. A pregunta que se lle presenta a estes mozos e mozas é como?. A Universidade, en colaboración co Ministerio de Educación, procura facilitarlles o camiño e promover este este tipo de inquietudes a través de iniciativas como o Premio Espírito Emprendedor Universitario, que este luns entregou os galardóns da súa primeira edición.

Da Escola de Enxeñería Industrial saen os dous proxectos gañadores, que reciben unha achega de 2500 euros, centrados no aproveitamento de efluentes de CO2 na industria vitivinícola, por unha banda, e a comercialización de tecnoloxía para picosatélites Cubesat, por outra.

A finalidade deste concurso é impulsar as medidas de mellora para a transición ao mercado laboral das e dos estudantes e titulados universitarios e para optimizar as accións de transferencia do coñecemento e innovación. Para o reitor da Universidade, Salustiano Mato, “a falta deste espírito emprendedor é unha das eivas da universidade española” e avogou por seguir traballando para potenciar a innovación e a transferencia entre o alumnado porque “estas iniciativas nacen cando as mentes son máis creativas, cando se empapan de coñecemento”.

Dúas iniciativas para por en valor ideas

Detrás das dúas iniciativas premiadas, ambas en igualdade de condicións con 2500, hai tres enxeñeiros industriais. Carlos Merino e Jorge Firvida son os autores do proxecto sobre o aproveitamento de efluentes de CO2 na industria vitivinícola e explican que a idea é cubrir un oco no mercado que ata agora estaba baleiro e nun sector tan extenso en España como o do viño. Trátase de sacarlle beneficio ao CO2 non contaminante que se emite no proceso de fermentación e do que ata agora non se obtiña rendemento económico. “A idea é empregar ese CO2 para para potenciar o cultivo de microalgas” con aplicacións na industria cosmética, na medicina e mesmo no biodiesel, explican os enxeñeiros. “A nosa idea é poder adaptar os servizos que ofrecemos á demanda do cliente, desenvolvendo todo o proceso ou parte del”, en función do que busquen os donos das explotacións vitivinícolas. Na actualidade están xa en contacto cunha bodega para poder desenvolver nun futuro unha experiencia piloto que lles permita analizar a viabilidade real do proxecto.

O outro enxeñeiro premiado é Miguel López, que presentou un proxecto para a creación dunha empresa que comercialice a tecnoloxía para picosatélites Cubesat e que ademais resultou seleccionado para a fase final de Emprendedor do Ano. Nesta final nacional participarán tres proxectos, un de cada ámbito, polo que foi felicitado polo reitor, xa a Universidade de Vigo é a única elixida no ámbito da enxeñaría a nivel de toda España.

Miguel López forma parte do proxecto XaTcobeo, no que se encarga da parte relacionada coas antenas do picosatélite no que a Universidade está a traballar. A súa idea baséase na comercialización “dunha tecnoloxía xa desenvolvida e que será aprobada cando se lance o proxecto do picosatélite”. Para López este idea emprendedora é tamén o seu proxecto de fin de carreira e amósase confiado na viabilidade comercial da mesma porque “sabemos que tecnicamente é viable”, aínda que lle queda por diante elaborar o plan de empresa, finalidade na que os premiados deben inverter o galardón en metálico.

17 proxectos de altísima calidade

En total presentáronse 17 proxectos de ámbitos tan diversos como a enxeñaría industrial e de telecomunicación, as ciencias sociais, a historia ou a bioloxía. Para a valoración dos proxectos o xurado tivo en conta tanto o carácter innovador da iniciativa como a empregabilidade, o potencial internacional, a sustentabilidade ou a responsabilidade social. Segundo apuntou o reitor, “a altísima calidade das propostas presentadas fixo moi complicada a resolución do xurado” que finalmente e por este motivo acordou conceder tamén unha mención honorífica ao proxecto para a mellora das seguridade nas estradas, de David Rodríguez Bello.