DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da Unidade de Igualdade e a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade

Innovar tamén en materia de xénero

A matrícula nesta xornada permanecerá aberta ata o 11 de decembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 02/12/2011

Que as mulleres son maioría na Universidade é un feito, representan o 53,35% do estudantado, mentres que nos estudos de doutoramento son un 60,53%e entre o PAS, o 60,75%. Ademais de ser maioría son tamén mellores, as súas cualificacións son máis altas e son maioría no rango de cualificacións entre o 9 e o 10. Pero estas cifras non significan que a problemática de xénero teña desaparecido, xa que a presenza feminina diminúe a medida que aumenta a responsabilidade da súa posición. Un exemplo é a proporción de catedráticas, o 20,59% do total.

Isto demostra que aínda queda moito por facer pola igualdade no eido universitario e resalta a importancia de desenvolver iniciativas como a  I Xornada de Innovación Educativa en Xénero, que se celebra o vindeiro 16 de decembro da man da Unidade de Igualdade en colaboración coa Área de Innovación Educativa da Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade. O seu obxectivo é o intercambio de experiencias docentes relacionadas coa implantación da perspectiva de xénero nos programas das materias, independentemente do seu ámbito de estudo. Estudos realizados en diversas universidades españolas indican que, tras a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, o número de materias que contemplan contidos de xénero minguaron considerablemente. Ante esta situación, e tal e como indica Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, “cremos importante comezar a abordar esta cuestión para lograr un clima favorable e unha auténtica transversalidade de xénero nos contidos de calquera materia e competencia, por iso promovemos a celebración desta xornada”.

Temáticas principais

A pesar de que esta iniciativa está dirixida a todo o profesorado universitario, “sería gratificante que espertase un especial interese en docentes do ámbito tecnolóxico e científico, xa que non teñen a percepción de que nos seus ámbitos tamén é posible introducir a perspectiva de xénero. Como escoitaremos nas charlas, incluso hai fórmulas para impartir materias que parecen afastadas do tema, como por exemplo as matemáticas, falando tamén de xénero”, aclara a directora da Unidade de Igualdade.

A xornada comezará cunha conferencia inaugural impartida por Eulalia Pérez Sedeño, investigadora do CSIC e histórica loitadora polo recoñecemento do papel da muller. Tras a súa intervención, presentaranse un total de 16 comunicacións divididas en tres ámbitos de estudo: humanístico, xurídico social e científico. As temáticas centrais das conferencias xiran arredor da incorporación das perspectivas de xénero na lingua e literatura, nas expectativas laborais e profesionais, na argumentación xurídica e en materias concretas como a socioloxía, filosofía, psicoloxía ou educación.

Prazo de matrícula

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 11 de decembro, e poderán matricularse de forma gratuíta todos os membros do PDI que estean interesados en participar. A matrícula formalízase a través da páxina web de Bubela, onde tamén se poderá consultar o programa definitivo da xornada.