DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en deseño e fabricación mecánica estreita lazos co tecido empresarial do país centroamerica

Inspiración viguesa para a industria mexicana da automoción

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 28/08/2012
A rexión mexicana de El Bajío atópase nun proceso de industrialización moi semellante ao que sufriu Vigo hai uns anos, coa industria do automóbil á cabeza. As semellanzas fixeron que os representantes tanto do tecido industrial como dos centros tecnolóxicos puxeran a súa ollada na cidade viguesa na procura de ideas e innovación. Neste escenario, o Mestrado en Tecnoloxías avanzadas de procesos de deseño e fabricación mecánica fíxose un importante oco, presentando os traballos do seu alumnado aos representantes mexicanos e revelándose como un importante socio tanto para as universidades centroamericanas como para as compañías.

O director do mestrado, Gustavo Peláez, incide na importancia de “potenciar a colaboración entre as institucións mexicanas e galegas que teñan contribución no ámbito do deseño de novos produtos, lean manufacturing e simulación de procesos industriais, dado que a zona de El Bajío en México, onde se atopa Celaya, está nun proceso de industrialización semellante ao de Vigo na automoción fai uns anos”. Por iso se desprazaron á cidade olívica Xabier Dearondo, presidente do Centro Tecnológico Automotriz y Mecatrónico (CTAM) de Celaya; Carlos Pérez, director xeral de Desarrollo Económico de Celaya e Juan Carlos Rojas, presidente da Cámara Nacional de la Industria de la Transformación en Celaya (Canacintra).

Presentación de traballos

O obxectivo desta visita ao campus vigués foi coñecer os procesos formativos e as dinámicas de avaliación que se levan a cabo na Universidade de Vigo e que poidan ser de aplicación para o rápido crecemento que está a desenvolver o sector automotriz en México. Como apunta Peláez, nesta rexión central de México, estanse asentando diferentes armadoras de vehículos e atraendo a outras industrias proveedoras á zona”.

Na súa estadía na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade, os representantes da industria mexicana asistiron á presentación de traballos de fin de mestrado dos alumnos. Entre outros, abordáronse temas como o deseño de chasis e basculante dunha motocicleta de competición; a aplicación de método estándar de traballo a unha liña de fabricación de asentos de coche; a elección de material con baixa pegada de carbono e definición do proceso de fabricación dunha funda para tablet; simulación e análise dunha liña de montaxe de asentos para automoción; un novo tipo de aeroxenerador de eixo vertical ou o deseño e simulación dun sistema alternativo de produción.

Unha mestrado cunha ampla proxección

Este verán rematou a segunda edición deste mestrado polo que pasaron xa, como explica o seu director, "70 alumnos entre as dúas promocións”. Gustavo Peláez incide no alto índice de inserción laboral, xa que “moitos deles foron contratados polas empresas nas que fixeron as prácticas creando novos postos de traballo e sempre dando por suposto valor engadido aos seus perfís profesionais”.

Froito da visita desta comitiva mexicana, os responsables do mestrado agardan poder concretar futuras colaboracións en materia de formación, intercambio de alumnos, colaboración entre profesorado ou definición conxunta de programas formativos.