DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da celebración esta semana en Ourense da escola internacional deste centro alemán

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo estreita relacións co Instituto Max Planck de Gravitación

A súa delegación visitou o campus universitario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 06/10/2023

Esta semana ten lugar no mosteiro de Santo Estevo (Ourense) a Escola Internacional de Investigación Max Planck sobre Astronomía de Ondas Gravitacionais, organizada polo Instituto Max Planck de Gravitación (Instituto Albert Einstein) e a Universidade de Hannover coa colaboración local do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da Universidade de Vigo. No marco da súa programación, as e os participantes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o campus de Ourense e o traballo que desenvolve o instituto da UVigo e o seu persoal investigador.

Ángel Paredes, director do Ifcae, sinala como “a celebración desta escola en colaboración cun dos institutos máis prestixiosos do mundo é por unha banda unha honra pero tamén unha grande oportunidade para forxar posibles colaboracións científicas a nivel internacional e afianzar a imaxe de marca de excelencia do instituto recentemente creado pola Universidade de Vigo no campus de Ourense”. Con este obxectivo, na súa visita ao campus, as e os participantes na escola internacional tiveron a oportunidade de coñecer as súas instalacións e celebrar un encontro con persoal investigador do Ifcae no que lles presentaron algunhas das súas liñas de traballo e proxectos que están desenvolvendo actualmente.

Ademais, persoal docente e investigador da Universidade de Vigo membros do Ifcae ofreceron ao longo desta semana diversos relatorios na citada escola internacional. Entre elas e eles, Humberto Michinel, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, abordou diferentes aspectos sobre sistemas cuánticos cósmicos; David Olivieri falou sobre certas aplicacións da intelixencia artificial e o físico Antonio Ferriz ofreceu unha charla sobre as trazas dos raios cósmicos no xeo da Antártida. O programa da escola centrouse en conferencias sobre diversos temas da física e a enxeñaría das ondas gravitacionais para ser empregadas na exploración do universo así como sobre o comportamento da gravidade e a materia en condicións espaciais extremas.