DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Integrado por “unha masa crítica importante” de profesionais do dereito, a educación, a historia...

O Instituto de Xustiza e Xénero comeza a súa andaina coa celebración dun seminario sobre discapacidade

Tras aprobarse a súa creación en abril, esta foi a primeira actividade do novo centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/11/2023

Tras aprobarse a súa creación no mes de abril, o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX) celebrou este luns a primeira das súas actividades programas, comezando así a súa andaina co obxectivo de consolidarse como unha plataforma de referencia para o estudo de todos os aspectos asociados con xénero, o seu tratamento ao longo da historia, os cambios que se produciron ata chegar á situación actual e de servir de canle cos distintos actores públicos e privados implicados nos problemas estruturais, legais e regulatorios asociados co xénero dende unha perspectiva multidisciplinaria.

Tras uns primeiros meses centrados na definición da estrutura, as liñas de traballo e o proceso de incorporación de persoal investigador, o IXEX arrancou oficialmente a súa andaina cun seminario interdisciplinario sobre “un tema de actualidade e de necesidade” como é a relación entre discapacidade e xénero, como explica a directora do IXEX, a catedrática do Departamento de Dereito Público Inés Celia Iglesias Canle. Neste evento, que se celebrou na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e tamén en modalidade virtual, déronse cita “tanto expertas do instituto como representantes doutras institucións” co obxectivo de “abordar a temática de discapacidade e xénero, implicando todas as áreas de coñecemento e tendo como liña transversal o principio de igualdade”. Como destacaba a directora do IXEX na apertura da xornada, “evidentemente, cando existe unha situación de discapacidade, o principio de igualdade reséntese e, sobre todo, faino cando tamén entra a vertente de xénero como algo adicional”. Por isto, ao longo da xornada, e través das diferentes mesas de debate e obradoiros, analizouse “como é imprescindible ter en conta a orixe da problemática para poder atopar solucións actuais a problemas actuais”. Ao final do seminario presentáronse unha serie de conclusións que, segundo avanzan dende o IXEX, se plasmarán en diversas publicacións, tanto en revistas especializadas como a través dunha colaboración con Tirant lo Blanch, “unha editorial de prestixio do eido das ciencias xurídicas”.

O IXEX arranca “cunha masa crítica importante”

O IXEX bota a andar co respaldo dun equipo formado por expertas e expertos da UVigo procedentes de distintos ámbitos do coñecemento como o dereito, a educación, a historia, a psicoloxía e a economía. Como explica a súa directora, contan “cunha masa crítica importante” para a xeración e transmisión de coñecemento mediante a investigación sobre xénero e con perspectiva de xénero, que se ampliará a curto prazo xa que está aberto un segundo proceso de incorporación de persoal. Na actualidade a base científica do centro está conformada por persoas investigadoras da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo, das facultades de Dereito, de Historia, de Educación e Traballo Social e de Ciencias Empresarias e Turismo do campus de Ourense, e da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. 

Asumir o liderado e xerar os cambios necesarios

O novo instituto de investigación xorde como unha aposta estratéxica da Universidade de Vigo por lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, integrando a equidade e a diversidade desde unha perspectiva na que conflúen factores múltiples, acumulativos e interseccionais e plantexándoa así como un elemento clave para desenvolver un espazo de investigación e educación superior produtivo, inclusivo e aberto.

Ao abeiro do IXEX formaranse equipos de traballo capaces de asumir o liderado e xerar os cambios necesarios ao seu alcance para, desde o lente da xustiza de xénero e a través dun estudo minucioso e especializado, traballar en dúas direccións. Por unha banda, o obxectivo será promover e participar en redes de investigación e docencia e adoptar os criterios internacionais de excelencia e, por outra, desenvolver as capacidades que lle permitan garantir a igualdade real nos aspectos relativos ao xénero en si mesmo e á inclusión da perspectiva de xénero en todas as disciplinas pertencentes á rama do Dereito e disciplinas afíns, así como o tratamento da muller e das persoas pertencentes a colectivos minoritarios.

Deste xeito, dende o instituto apostarase pola transversalización de xénero na investigación xurídica, potenciarase a innovación en materia de xustiza e igualdade e buscarase consolidar o centro como unha referencia para todos os temas relacionados coa investigación, fomentando, apoiando e difundindo estudos inter e multidisciplinarios nas diferentes liñas de investigación que conforman o IXEX. Isto ademais permitirá contribuír á visibilidade internacional da investigación e da produción científica punteira na Universidade de Vigo, especialmente nos traballos desenvolvidos nas áreas de xustiza e xénero e tamén interactuar e colaborar con asociacións para o intercambio de coñecementos e estratexias con respecto a políticas de xénero, tecendo unha rede de colaboracións e cooperación con institucións e organismos públicos e privados.