DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En Galicia residen arredor de 50.000 mulleres inmigrantes

Integración social contra o 'dó migratorio' das mulleres estranxeiras

Un grupo de investigación da Universidade de Vigo estuda a inclusión deste colectivo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 18/01/2011
Arredor da metade dos inmigrantes que viven en Galicia son mulleres. Case 50.000 na comunidade autónoma, 7000 na provincia de Ourense. Deixan familia, amigos e cultura e veñen para encargarse en moitos casos das tarefas do fogar e do coidado de nenos e maiores. Aquí asumen o rol de transmisoras da súa cultura de orixe, crean a súa propia rede de apoio entre elas e enfróntanse ao dó que supón a emigración. O ISMI, o Grupo de Investigación en Integración Social das Mulleres Inmigrantes da Universidade de Vigo, traballa para coñecer axeitadamente a situación deste colectivo e contribuír á súa mellora.

O grupo foi creado en 2008 e está formado polas investigadoras Carme Verde, Elena Muguerza, Celsa Perdiz, Andrea Alonso e Iria Vázquez, contando ademais coa colaboración de Touria Kalai, residente marroquí, e Pablo Dorado, filólogo de lingua árabe. Carme Verde, investigadora principal do ISMI, explica que en 2008 había en Galicia arredor de 95.000 inmigrantes, 47.000 deles mulleres procedentes nun 60% dos casos de América e nun 33% de Europa. Unhas cifras que considera que se manteñen na actualidade sen cambios significativos.

“A maioría destas mulleres veñen para ocupar os traballos que chamamos de reprodución, como son as tarefas do fogar e o coidado de nenos e de maiores, traballos que nós deixamos para ocuparnos de traballos produtivos fóra da casa” sinala a profesora de Traballo Social Carme Verde. Na comunidade receptora, a integración destas mulleres vén determinada, ademais de polas circunstancias persoais de cada caso, polo tipo de emigración habitual en cada zona. Deste xeito, as mulleres procedentes de Sudamérica, por exemplo, adoitan vir soas, sendo elas as protagonistas dos seus propio proxectos migratorios, mentres as mulleres do mundo árabe soen vir reagrupadas polos seus maridos.

En todo caso, salienta Verde, “se falamos en termos xerais, a integración social da muller inmigrante en Galicia é boa, aínda que existe un grupo de mulleres que continúa bastante illado e que corresponde ás mulleres que veñen por reagrupamento familiar, que ata a recente reforma lexislativa a propia lei mantiña na casa ao non permitirlles traballar durante un ano”.

Problemas emocionais

Na súa investigación, o ISMI tamén aborda a análise de problemáticas específicas das mulleres inmigrantes dende unha perspectiva de xénero, como son a saúde reprodutiva e emocional. Para facelo, as investigadoras recolleron en 2008 datos de 181 mulleres atendidas no Centro de Orientación Familiar de Ourense, de 47 inmigrantes beneficiarias da RISGA ourensá e de 22 entrevistas en profundidade realizadas a inmigrantes nas provincias de Ourense e Pontevedra.

Na análise dos resultados detectaron problemas emocionais ligados á separación das familias, da contorna e da cultura. En particular destacan a separación dos fillos e advirten de que se están a producir novas formas de “familia transnacional” onde a educación se fai moitas veces a través dos locutorios telefónicos e onde as figuras de apego nai-fillos e os roles e as funcións familiares tradicionalmente establecidas se ven moi alteradas. “O sentimento doloroso da distancia, o dó migratorio non superado, provoca problemas de saúde emocional e psicolóxica como o de Síndrome do Inmigrante con Estrés Crónico e Múltiple ou Síndrome de Ulises”, advirte a investigadora principal do ISMI.

Esta ruptura coa contorna trae consigo ademais problemas ligados á separación das redes naturais de auto-apoio, a chamada familia extensa como é a veciñanza e as amizades. Como alternativa a estas redes, as mulleres inmigrantes crean entre elas os seus propios grupos de apoio. “Moito máis que calquera ONG ou administración, a maior axuda para estas mulleres é a rede de axuda mutua que existe entre elas e que se converte no seu principal apoio, non só emocional, senón que pode chegar a ser económico a través de petos comúns para emerxencias”.

Para superar es 'dó migratorio' e os problemas emocionais derivados do desarraigo, a receita pasa pola integración e inclusión social. Para contribuír a ela, a partir da información obtida, o ISMI elaborou unhas conclusións que serviron de base para a elaboración de propostas concretas de proxectos de intervención social para a integración social das mulleres inmigrantes en diversos ámbitos, como a saúde, os servizos sociais e a intervención social nas entidades do Terceiro Sector. Estes proxectos están en fase de desenvolvemento e o grupo de investigación continúa o seu traballo de achegamento á realidade deste colectivo.