DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o libro "A dependencia en Galicia" do grupo de investigación Séniors

Intensa, dispersa, moi avellentada e feminina, características da dependencia en Galicia

As catro provincias galegas sitúanse por riba da media estatal

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 07/10/2008

Mentres a Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia dá os seus primeiros pasos, ano e medio despois da súa aprobación, son moitas as dificultades que seguen a rodear a súa posta en marcha. No caso de Galicia, a problemática, ata o de agora oculta, vese agravada polas súas características de avellentamento da poboación e reparto xeográfico, o que dificulta enormemente realizar unha estimación do número real de dependentes. Coa finalidade de afondar nesta cuestión o grupo de investigación Séniors da Universidade de Vigo, composto por Manuel González, Lucía González, Rafael Rodríguez e Carmen Tellado, vén de presentar o libro A Dependencia en Galicia, que recolle un informe sobre a distribución territorial e as características sociosanitarias destas persoas. Publicado grazas ao financiamento da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e a Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde en Ourense, o estudo será distribuído en todos os centros de saúde ourensáns.
A liña de investigación xurdiu en 2006 ao amparo dun curso de doutoramento sobre atención a maiores, xusto cando estaba en marcha o proceso de aprobación da Lei de Dependencia. “Decatámonos de que o problema afectaba directamente á nosa comunidade e, dado o avellentamento da súa poboación, de xeito especial á provincia de Ourense” explicou Manuel González, coordinador do grupo. Foi entón cando comezaron a traballar nun informe para estimar o número de dependentes e grandes dependentes que, segundo provincias, comarcas, municipios e parroquias, están en condicións de esixir a protección social contemplada na nova lei e ademais, concretar as súas principais características sociosanitarias.
Para levar a cabo o estudo, os investigadores realizaron unha estimación concordante co Baremo Oficial de Valoración da Dependencia (BOE 21/04/07) a partir da Enquisa de Discapacidades, Deficiencias e Estado de Saúde de 1999, de xeito que os resultados puideran ofrecerse aproximándose ata o nivel parroquial, "o que supón datos de interese municipal á hora de planificar o traballo social, xa que en moitos casos traballan a demanda” matizou Rafael Rodríguez. Ademais, incluíuse un novo factor, a discapacidade mental, que disparou os casos sobre os de outras previsións.

Galicia por riba da media estatal

Todas as provincias galegas están por riba da media estatal de dependencia, establecida en 28 persoas de cada mil pero con notables diferenzas entre a Galicia costeira, máis nova, e a de interior, considerablemente avellentada. A Coruña, con 31,65 e Pontevedra, con 28,85 achéganse a estes valores pero nos casos de Lugo, con 42,37 e Ourense, 43,35 as cifras dispáranse, sendo esta última, a provincia máis vella de España. En cifras absolutas, Galicia ten 105.488 dependentes dos que 31084 son pontevedreses, 40801 coruñeses, 16516 ourensáns e 17088 lucenses. Destes, 20295 poden ser considerados grandes dependentes, superando, ademais, os 79 anos de idade nun 43% dos casos, unha porcentaxe que está lonxe do 31,37 % do conxunto do estado. Tamén predominan as mulleres, sendo máis dun 65% en todas as provincias, polo que os datos apuntan a unha comunidade, en especial nas súas áreas rurais interiores, na que a dependencia é comparativamente extensa, intensa, dispersa, moi envellecida e feminina.

A problemática sociosanitaria da dependencia

Pese a que o obxectivo do libro non é analizar as características sociosanitarias dos dependentes, “pareceunos importante sinalar certos datos que poñen de manifesto as altas necesidades de atención deste colectivo” explicou Carmen Tellado. Os principais problemas son o elevado custe económico e de tempo que supón o seu coidado, así como a abundancia de demencias, que desgastan ao coidador, e os problemas sanitarios que levan aparellados. De feito, dous de cada tres dependentes e tres de cada catro grandes dependentes presentan algún grao de demencia e ademais, máis do 80% teñen, a lo menos, unha enfermidade diagnosticada entre as que destacan a demencia e os accidentes cerebrovasculares, entre os males discapacitantes, e a artrose, a artrite e a mala circulación entre as doenzas comúns.
Estes datos "ocultan a figura do coidador informal, que se caracteriza por unha tremenda carga de traballo e a penosidade que leva consigo facerse cargo deste tipo de persoas, con habituais trastornos mentais” puntualizou a profesora. Tanto é así que xa hai estudos que falan de ser coidador de persoas dependentes “como factor de risco para sufrir varias enfermidades” xa que un 54% dedican máis de 40 horas semanais e o 44% máis de 60, porcentaxes que aumentan a 80 e 70% respectivamente nos casos de grandes dependentes. Ademais o problema vese agravado pola discriminación sexual desta figura, xa no 80% dos casos é unha muller, habitualmente fillas ou esposas.

Prestacións insuficientes

O informe conclúe que a dependencia en Galicia vén marcada pola súa avellentada poboación, os grandes requerementos de tempo de coidado que necesitan as persoas afectadas, a elevada presenza de problemas cognitivos e comportamentais asociados que presentan, derivados de estados de demencia e a precariedade da situación sanitaria que os acompaña. Dende a posta en marcha da Lei de Dependencia, “a maior parte dos casos están valorados pero as prestacións aínda non chegan” comentou Manuel González. Ademais, e pese a que a lei supón un gran paso adiante, “presenta unha promesa escasa de cobertura social, ningunha novidade na atención sanitaria e psicolóxica e nula coordinación” apuntou González, pedindo “a posta en marcha dun plan de dependencia global de enfermo e coidador, que avogue pola detección precoz e a atención especializada”.