DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os encontros que teñen lugar ao longo da xornada deciden que equipos participarán no campionato gale

O Intercampus reúne en Pontevedra 225 deportistas universitarios

Conxuntos dos tres campus mídense nas modalidades de fútbol 11 e fútbol sala, baloncesto e voleibol

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 21/02/2018

Superar un primeiro chanzo nun camiño que dirixe cara o Campionato Galego Universitario de Deportes colectivos, en primeiro termo, e ás fases clasificatorias do Campionato de España en segundo lugar. Esa é a principal ilusión, como lembra o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade Gustavo Loureiro, que este mércores reúne en Pontevedra a 225 estudantes e deportistas chegados e chegadas dos tres campus da institución académica. Desde as dez da mañá e ata as seis da tarde, diferentes recintos deportivos da cidade acollen os diferentes enfrontamentos do Intercampus 2018, a fase final das ligas universitarias, nas que compiten os gañadores das competicións internas de fútbol sala masculino, fútbol 11 masculino, baloncesto masculino e voleibol mixto de Pontevedra e Ourense e os dous primeiros clasificados na de Vigo, por reunir estas un maior número de equipos. O campus vigués foi, de feito, o dominador desta xornada, ao acadar os seus representantes os triunfos nas modalidades de fútbol 11, fútbol sala e baloncesto, mentres que a vitoria en voleibol foi para o representante ourensán.

“Trátase dunha xornada eminentemente competitiva, na que se busca tamén a convivencia entre os diferentes equipos, que é difícil porque as competicións teñen diferentes horarios, e que vén marcada tamén pola ilusión de todos de ir ao Campionato Galego e intentar clasificarse para o Campionato de España, a ilusión de empezar aquí un camiño”, sinala Loureiro do torneo que pon peche ás ligas internas, que cada ano se desenvolve de xeito rotatorio nun dos campus da Universidade. Xornada que arrincou xa ás nove da mañá coa chegada ao campus das diferentes delegacións, paso previo ao inicio dos diferentes torneos, que se desenvolven de xeito paralelo no Pavillón Universitario, no Pavillón da Xunqueira e no campo de fútbol da Xunqueira. Coa excepción do voleibol mixto, un triangular no que participa un equipo en representación de cada campus, o resto das competicións celebraron ao longo da mañá as súas semifinais, nas que os equipos de Ourense e Pontevedra se medían cada un cun representante do campus vigués, completándose a xornada coas finais que se celebran ao longo da tarde.

Dominio dos equipos vigueses

Na competición de fútbol masculino, o Roma Senza Pietá do campus vigués proclamouse vencedor deste intercampus tras derrotar ao outro representante vigués na final por 5-3, despois de superar ambos conxuntos aos representantes de Pontevedra e Ourense nas semifinais. O mesmo aconteceu no fútbol sala, onde o Levante las palmas se fixo coa vitoria superando por 2-1 ao outro equipo vigués na final, despois de que ambos dobregasen aos equipos de Pontevedra e Ourense por 6-1 e 4-1 respectivamente. E tamén foi de cor viguesa a final de baloncesto, no que o equipo Isótopos superou ao outro conxunto de Vigo por 73-58. A única excepción chegou no triangular de voleibol mixto, no que a vitoria foi para Ourense, que superou a Vigo por 2-1, despois de vencer ao equipo pontevedrés por 2-0.

Na busca dun billete para A Coruña

Destas finais sairán os equipos que representarán á Universidade de Vigo no Campionato Galego de Deportes Colectivos, que se celebrará os días 6 e 7 de marzo na Universidade da Coruña. “Os vencedores gañan o dereito a participar, e mesmo poden facer fichaxes incluso dos equipos rivais neste Intercampus”, apunta Loureiro respecto dese billete cara o torneo autonómico, que no caso do voleibol, dá ao equipo gañador o dereito a formar equipo masculino e feminino para o torneo, xa que a competición interna era de categoría mixta “para favorecer a participación e que houbese un maior número de equipos”.

Pero máis aló das catro categorías presentes neste Intercampus, a Universidade buscará estar presente no Campionato Galego nas sete modalidades de competición con equipos masculinos e femininos. Nese senso, Loureiro explica que“ “o regulamento esixe que as ligas conten cun mínimo de 15 equipos entre os tres campus” para que o representante da Universidade se decida neste torneo. No caso contrario, a representación da institución académica realízase a través dunha selección de deportistas que son tamén alumnos e alumnas, “para as que contactamos con técnicos das diferentes federacións”. Ese será o caso, por exemplo, do balonmán masculino e feminino, do baloncesto feminino, ou do rugby. “Intentaremos estar presentes en todas as modalidades”, sinala Loureiro.