DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinema, música e teatro coparán a oferta cultural do campus ourensán ata decembro

A Intercultural arranca con nome de muller

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 12/11/2010
Aínda non comezou esta tempada e xa lle están dando voltas ao que poden ofrecer a partir do 2011. A Intercultural arranca a súa cuarta edición a vindeira semana coa muller como protagonista: o ciclo Cine Documental de Autora, con tres proxeccións con video-forum nas que as protagonistas terán nome feminino e unha mesa redonda entre mulleres vencelladas ao mundo do audiovisual. “O debate coincide co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, porque queremos dar unha mensaxe positiva nun eido que aínda está copado polos homes”, explicou María Lameiras, vicerreitora do campus ourensán.

Outra das novidades será a estrea en Galicia de Bicicleta, cuchara, manzana, un documental do director catalán Carles Bosch sobre o alzheimer rodado a partires da experiencia de Pasqual Maragall, que emocionou a público e cinéfilos na súa presentación no Festival de Cine de San Sebastián. Na presentación participará Afaor, a asociación de familiares de enfermos de alzheimer de Ourense. Será o vindeiro 2 de decembro ás 20.00 horas no Edificio Politécnico do campus ourensán.

Notas de orixen libanés

Artes escénicas e música camiñarán da man nas outras dúas propostas para este cuadrimestre. O 17 de novembro Obras Públicas estreará en Ourense o seu Life is a paripé (20.00 horas no Edificio de Ferro), 75 minutos de humor en once esceas curtas cos personaxes máis variopintos que está tendo moito éxito. Trátase dunha mirada crítica sobre todo o arte que supón o ser falso e finxir vivindo de cara á galería. “Queremos que quede claro que a cultura e o tempo de lecer non é incompatible co efecto terapéutico do humor”, aclara a vicerreitora.

Para o concerto de Nadal, ritmos de violín. O libanés Ara Malikian, que ven de producir coa compañía teatral Yllana o éxito Pagagnini, traerá risa e sentido do humor ao Edificio de Ferro o vindeiro 16 de decembro. Os seus 24 caprichos amosará ao público o seu estilo “enormemente orixinal” no que fusiona ritmos iberoamericanos, europeos ou mesmo flamenco.

Cine Documental de Autora

Tres proxeccións, tres directoras e moitas mulleres como protagonistas. Será o eixo central do Cine Documental de Autora, que comeza o 16 de novembro (19.00 horas) coa proxección de Memorias Rotas, de Manane Rodríguez, unha das poucas crónicas audiovisuais referidas á Guerra Civil en Galicia.

Xa o 18 de novembro (19.00 horas) o Edificio de Ferro acollerá o filme Mulleres da Raia, de Diana Gonçalves, unha viaxe á fronteira entre Galicia e o norte de Portugal nunha época de pleno contrabando e emigración. O 23 de novembro (19 h) será a quenda de Señora de…, dirixida por Patricia Ferreira, unha película que ten como protagonistas a 12 mulleres que viviron os anos escuros do franquismo empregando o recurso da entrevista.

O ciclo rematará o 25 de novembro (19.15 horas) cunha mesa redonda protagonizada por mulleres relacionadas co eido do cine: a directora e produtora Manane Rodríguez; a actriz Uxía Blanco; a profesora de cine da universidade viguesa e coordinadora da iniciativa Anna Amorós; a delegada de Cima en Galicia Chelo Loureiro; e a propia vicerreitora do campus de Ourense María Lameiras.

Programación completa (203.51 kb)