DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un espazo no que compartiron o seu tempo persoas galegas, africanas e sudamericanas

A Intercultural despediuse cun fin de festa que mesturou deporte, gastronomía e música

A xornada tamén estivo marcada polo Campionato galego PDI-PAS

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 29/05/2009

Teatro, música, relatorios, recitais poéticos, curtametraxes... Polos escenarios da Intercultural pasaron moitas actividades ao longo deste curso, pero todo chega ao seu fin, aínda que neste caso non é un adeus definitivo senón un ata logo. O festival fin de festa celebrouse por todo o alto, compartindo espazo co InterGalicia. Concertos, fútbol sala, gastronomía, xogos populares e contacontos encheron a xornada de ocio e cultura. O bo tempo e o atractivo do programa fixeron que a Biblioteca Central estivese ateigada de persoas, de todas as idades e nacionalidades, dispostas a divertirse e coñecer xente.
A xornada comezou co partido de fútbol sala da integración, un triangular no que participaron xogadores africanos, sudamericanos e galegos. Tras facer deporte, chegou o momento de recuperar forzas nos postos gastronómicos, onde se puideron degustar pratos típicos de Alxeria, Arxentina, Venezuela, Senegal, Sahara, Colombia e Galicia, realizados polos propios participantes. Brochetas, merguese, que é carne picada con aceite de oliva, ceebu jen, un prato de arroz con peixe, doces, tés, zumes, pan de xamón ou empanada segundo o rito musulmán, foron algúns do menús que se puideron probar nos postos da biblioteca mentres os Perqtores animaban o ambiente ao ritmo de tambores.
A festa nocturna comezou botándolle conto, cada país participante na xornada escolleu un representante que se encargou de ler unha pequena historia típica do seu lugar de orixe. Intercalándose cos contos pasaron polo escenario Deggo Percusión e a Turre’s Band que fixeron bailar e saltar a todos coa súa música. No primeiro caso, mesturando as congas, o djembé e o caixón flamenco e no segundo, cun repertorio moi variado que incluíu versións de cancións de series, ska ou música balcánica.

A opinión dos participantes

O festival fin de festa contou con multitude de participantes, todos eles unidos polas ganas de divertirse. Tanto galegos como estranxeiros coincidiron en afirmar a calidade da festa e sinalar que debería repetirse máis a miúdo. Mor Thiam, de Senegal, indicou que “é unha boa iniciativa e gústame moito”. Thiam non leva moitos anos en Galicia e este tipo de activades permítenlle “coñecer xente nova”. Para Susana Álvarez, estudante da ESEI, “a festa está moi ben, especialmente as comidas dos distintos países”. Pola súa banda, Paco Daza, membro da Aula de Teatro Maricastaña, destacou que “o festival é unha boa idea e deberían facerse máis actos culturais como este”. Maxi Cid, membro dos Perqtores, apuntou que “esta iniciativa permítenos compartir un espazo de mestura de deporte, música, oralidade e gastronomía, aínda que só sexa unha vez ao ano”.
Dende a organización, Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais, afirmou que “a festa cumpriu todas as expectativas”. “Acudiron moitos universitarios e penso que atinamos co espazo e as actuacións musicais”. Sen dúbida, o único problema da xornada foi a anulación, por motivos alleos á organización, do concerto de El Hijo de la Cumbia.

Para o próximo ano

A Intercultural xa comezara a súa andaina o pasado ano, pero nesta ocasión “era a primeira vez que facíamos unha programación anual completa, polo que podemos dicir que este foi o curso de consolidación da actividade”, explicou Rivas. Agora que xa rematou todo é o momento de botar a vista atrás e facer un balance do éxito da iniciativa, “en termos xerais estamos moi satisfeitos, aínda que é certo que algúns eventos tiveron máis asistencia que outros”. Nas próximas semanas, “teremos que sentarnos para analizar polo miúdo toda a programación, facer unha avaliación e corrixir os erros”. A actividade máis frouxa do curso foron as conferencias, xa que contaron con pouca asistencia, “teremos que orientalas máis cara ás titulacións do campus para espertar o interese dos estudantes”. Tras a análise do sucedido este curso “hai que poñerse a traballar xa na programación da III Intercultural”.

Campionato PDI-PAS

Ademais da interculturalidade o campus viviu tamén unha xornada dedicada ao deporte cos Campionato galego PDI-PAS. Ao longo do día disputáronse encontros de fútbol 7, fútbol sala, baloncesto, xadrez e tenis. Os resultados das actividades amosan á Universidade de Vigo como a mellor do SUG, xa que conseguiu gañar tres das cinco competicións: fútbol 7, fútbol sala e tenis. No tocante a baloncesto e xadrez, Santiago e Lugo foron os vencedores.
Pero nesta competición non só houbo primeiros, senón tamén segundos clasificados. Nesta categoría a Universidade de Vigo fíxose con outros dous postos, en fútbol 7 e tenis. Os premios de fútbol sala, baloncesto e xadrez foron para Santiago, A Coruña e Lugo respectivamente.