DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No salón multiusos do Edificio de Ferro

A Intercultural despídese ata o ano próximo co concerto de Nadal de Lizgairo

Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xosé Liz conseguiron entusiasmar ao público

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 17/12/2008

Lizgairo é unha palabra que define a unha persoa con mente áxil e enxeñosa e ese foi o termo que Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xosé Liz elixiron para designar a súa agrupación musical. Estes tres músicos de gran sona no panorama galego foron os elixidos polos organizadores da Intercultural para ofrecer o concerto de Nadal que se celebrou este martes no salón multiusos do Edificio de Ferro por segundo ano consecutivo. A pesar de ser un trío, Lizgairo, estivo acompañado enriba do escenario por Begoña Riobó, violinista e zanfonista; Isaac Palacín, percusionista e “Chisco”, bailarín e cantante. En hora e media de concerto fixeron un repaso polas melodías da nosa tradición cun toque orixinal e creativo; a arpa, o bozouqui e a zanfona foron os instrumentos, tan pouco usuais neste eido, elixidos para interpretar as Xotas de Poio e Acebedo, o Pasodoble dos trinta, os Cantos de labranza, o Alalá de Menduíña, a Muiñeira do Morrazo e o Canto de Nadal entre outras pezas.
Lizgairo logrou nunha noite fría de inverno o cheo do salón multiusos. O numeroso público, entre o que se atopaba o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez ou o subdelegado do Goberno, Camilo Isaac Ocampo, achegouse ata alí para gozar de boa música e coñecer a este grupo de recente creación. Tras o concerto, a vicerreitoría do campus de Ourense convidou aos presentes a un aperitivo que serviu para poñer o punto final á noite.

Os protagonistas

Rodrigo Romaní, fundador e ex compoñente de Milladoiro; Anxo Pintos, co fundador do grupo Matto Congrio e de Berrogüetto e Xosé Liz, fundador de Salterium, Beladona e Arán son os compoñentes de Lizgairo, tres pesos pesados da música folk galega. A súa colaboración xurdiu a raíz do seu traballo como mestres na Escola de Música Tradicional Folk de Vigo, “hai cousa de dous anos a Rodrigo ocurréuselle facer un grupo, porque nos parecía moi interesante a combinación de instrumentos como a arpa, o bozouqui e zanfona”, explicou Pintos. Tras meses de traballo naceu este primeiro traballo titulado Diacronías: as melodías tradicionais en clave acústica. Este trío, que tal e como dixo Romaní “esta noite non exerce como tal xa que somos xente moi sociable”, conxuga as melodías da tradición oral con tres instrumentos pouco usuais neste eido. Lizgairo representa un xeito orixinal de enfrontar a recreación contemporánea da música instrumental tradicional, para eles o folk “en esencia é deformación, un proceso dinámico no que os temas van cambiando e enriquecéndose con cada nova reinvención”, comentou Romaní.
O seu futuro máis inmediato oriéntase cara “unha xira de presentación no mes de febreiro en Murcia, Vigo e Pontevedra”, comentou Pintos.

A opinión do público

Lizgairo conseguiu encher o salón multiusos pero aínda lles quedaba conquistar ao público coa súa música. Tras o concerto a ovación foi xeneralizada e todos os presentes se amosaron moi satisfeitos coa súa interpretación. Aínda que o comezo foi frío, pouco a pouco, os asistentes foron entrando no ambiente e incluso acompañaron aos músicos coas palmas. Para o vicerreitor, Juan Francisco Gálvez, “foi un concerto estupendo”. Na opinión doutro dos presentes, o subdelegado do Goberno, Camilo Isaac Ocampo, “o concerto foi excelente, tanto pola interpretación como pola calidade específica dalgunha das pezas que me chamou a atención”. Ocampo subliñou tamén que lle gustou moito “como o público foi entrando en calor e comezamos a sentirnos empáticos con eles ata o punto de acompañar coas palmas; iso representa, para min, o ton dun bo concerto de Nadal”. Pola súa banda, Filemón Rivas, organizador da Intercultural, amosouse moi contento co resultado, “cumpriu as expectativas que tíñamos postas neles, música tradicional cun aire novo”.