DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pedro Aguilera, director de "A influencia":

"Interesábame observar un perdedor e esquecerme do empeño por edulcorar a merda"

"5 Retinas periféricas" continúa coa proxección de O paraíso dos Haffner, de Günter Schwaiger

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 02/12/2008

A primeira ollada por esa fiestra ao “outro cine español” que é 5 Retinas Periféricas presentounos a narración dunha historia sinxela, depurada de calquera elemento supérfluo, onde a vida é a que dicta a forma e non é a cinematografía a que coarta a historia. Ese é o caso de A influencia, de Pedro Aguilera, que este luns abriu o ciclo de cine. No filme catro personaxes principais -unha nai, a súa depresión e os seus fillos- amosan a incomodidade de vivir nunha sociedade que non ten os valores que un precisa e como os cativos se liberan desa mala influencia.
Trala proxección da película, Aguilera achegou algúns aspectos do prantexamento da historia. As tres ideas que confluíron na súa cabeza para dar forma a A influencia foron “a dor percibida desde a infancia, a necesidade de documentar o proceso de desintegración dunha persoa e a influencia negativa que sobre nós teñen algunhas persoas e como facer para liberarse dela”.
Cun manexo de claves moi distintas ao que estamos afeitos, a narración aposta polo “menos é máis” e conta só cos elementos imprescindibles, mesmo no caso do diálogo no que a ausencia da palabra da nai se debe a que “o personaxe non ten nada que dicir”. Segundo explicou Aguilera, delatando a súa formación en Belas Artes “a construcción da historia parécese máis ao traballo no mármore, ese ir quitando cousas dun bloque”. O resultado deste proceso é unha realidade que penetra poderosamente no espectador e fire chegando a ser un filme incómodo porque ao realizador lle interesa “deterse a observar un perderdor e esquecernos dese empeño por edulcorar a merda”. Sen embargo, fronte á caída inevitable da nai, as personaxes dos nenos representan ese futuro que, a pesar das cicatrices, queren conquistar. Cabe destacar que os personaxes non están interpretados por actores, senón que na realidade forman unha familia, amiga do realizador.

Película vs cine

No coloquio co público que tivo lugar trala proxección do filme, Aguilera tamén comentou que “película” non é sinónimo de “cine”, entendendo por este último “unha experiencia persoal totalmente subxectiva, de autor”. Para ilustrar a súa idea apuntou que “Spielberg non fai cine, senón películas e aínda que poida sonar malo, para min non o é”. No mesmo sentido, Aguilera comentou que non cre “no cine de entretemento” e que o que pretende coas súas obras é “contar unha realidade”.

A Casa das Campás, unha sala alternativa

Con 5 Retinas Periféricas, a Casa das Campás achega a posibilidade de coñecer producións que, de outro xeito, non chegarían á cidade xa que atopan problemas de distribución. Son filmes que, segundo apuntou Suso Nóvas, director do ciclo, “están gañando premios e non chegan ás salas. Esta poida que sexa unha das causas de que o cine español provoque un rexeitamento case patolóxico”.
Este martes o ciclo continúa para ofrecer outros exemplos de produción española periférica coa obra O paraíso dos Haffner de Günter Schwaiger, primeiro premio Tiempo de Pasado, na Seminci de Valladolid en 2007. O mércores será o turno de Roser Aguilar, quen debutou no campo da longametraxe con O mellor de min. O día 4, os participantes no ciclo poderán disfrutar da obra de Joan López Lloret O irmáns Oligor. O ciclo de cine rematará coa curta de animación Animal e outros traballos de Miguel Lasangre.