DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O embaixador en España, Alexander Igorovich Kuznetsov, amosou no CITI o seu interese no proxecto

O interese polo Campus do Mar chega á Federación Rusa

A Universidade asinará proximamente un convenio coa súa homónima de Economía e Finanzas de San Pete

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 23/11/2010

A Universidade de Vigo, no seu proceso de internacionalización, está a abrir novas canles de colaboración con outros países. Nesta ocasión, o protagonista é a Federación Rusa, cuxo embaixador en España, Alexander Igorovich Kuznetsov, visitou esta mañá o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), onde foi recibido pola vicerreitora de Investigación e Transferencia, Mª Victoria Jato. No transcurso da súa visita ao centro, a vicerreitora presentoulle ao embaixador as principais liñas e proxectos de investigación da Universidade, entre eles e de modo destacado todos os relacionados co Campus do Mar. Un proxecto sobre o que Igorovich manifestou o seu interese ao tratarse dun ámbito de coñecemento de especial relevancia no seu país, o máis extenso do mundo, cunha superficie de 17.075.400 quilómetros cadrados e máis de 140 millóns de habitantes.

O reforzo na colaboración internacional no ámbito universitario foi outra das cuestións que a vicerreitora de Investigacion e Transferencia, María Victoria Jato, lle transmitiu ao embaixador da Federación Rusa. Nesta liña, salientou, que a Universidade de Vigo proximamente asinará “un convenio de colaboración coa Universidade Estatal de Economía e Finanzas de San Petersburgo, co obxectivo de incrementar o intercambio de alumnado e a colaboración docente e investigadora”. Igorovich amosou o seu interese nesta iniciativa e en incrementar as “relacións directas entre as universidades, xa que é o modelo que mellor funciona” e cualificou a visita realizada como “moi interesante” polos aspectos abordados sobre innovación e a relación entre a universidade e a empresa.

Haberá unha vindeira visita oficial

Durante a visita, na que tamén estiveron presentes o agregado comercial da embaixada rusa, Alexei Semionovich, o presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Celso Barroso, e o seu vicepresidente primeiro, Juan Carlos Parada, e a directora da Tecnópole, Luisa Pena, os asistentes fixeron un percorrido polas instalacións do CITI no que o embaixador puido coñecer de man dos propios investigadores o traballo que realizan e as liñas de investigación abertas.

Para afondar na colaboración entre universidades dos dous países, Alexander Igorovich apuntou que o ano que vén se celebra o Ano de Rusia en España e viceversa, o Ano de España en Rusia, celebracións que se aproveitarán para incentivar as relacións nos diferentes ámbitos entre os dous países, entre eles a colaboración universitaria.

Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación e Transferencia de Ourense transmitiulle en nome do reitor vigués, Salustiano Mato, o convite a visitar oficialmente a Universidade de Vigo, un compromiso que Alexander Igorovich que hoxe visitou Ourense convidado polo III Foro Empresarial do Mercado Ruso, organizado pola Cámara de Comercio da cidade, fixo seu, asegurando que así o faría na próxima ocasión que visite Galicia.