DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asínanse dous convenios de colaboración coa institución mexicana

O interese en Turismo une ás universidades de Anáhuac e de Vigo

Unha das primeiras accións será o fomento da mobilidade de estudantes

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 28/11/2012

A semana pasada, e baixo a organización da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, celebrouse no Carballiño un cita de relevancia internacional no eido do turismo como foi o XVII Congreso Internacional AECIT. Na preparación durante meses dos contidos dese evento, unha das universidades coas que se traballou foi a de Anáhuac, de Puebla-México, especializada en turismo gastronómico. Froito desa comunicación, a institución mexicana e a Universidade de Vigo veñen de asinar dous convenios de colaboración que, entre outras cuestións, favorecerán a mobilidade de estudantes.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e José G. Mata Temoltzin, reitor da Universidad de Anáhuac, foron os encargados de asinar o convenio coa asistencia de Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense; de José Antonio Fraiz, director do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, e das investigadoras mexicanas Fernanda César e Karol Orea. “Nun mundo universal como o noso, as universidades temos a obriga de unirnos para formar aos cidadáns dun xeito crítico e integral e por iso é un gran motivo de satisfacción para nós pór en marcha esta iniciativa de colaboración”, destacou María Lameiras. “Este convenio é unha oportunidade de xerar alianzas que sobre todo beneficiarán aos estudantes, contribuíndo a ofrecerlles unha formación integral”, destacou José G. Mata Temoltzin.

Compromiso xeral e pasos concretos

O primeiro dos convenios asinados é un convenio marco que recolle o propósito das dúas institucións de realizar conxuntamente actividades e proxectos de todo tipo que resulten de interese para ambas universidades. Entre estas actividades, están o desenvolvemento de proxectos de investigación; a organización e realización de actividades académicas, como cursos, conferencias, simposios ou seminarios; o intercambio de publicacións, traballos de investigación e outros materiais académicos; a colaboración en proxectos culturais; e a mobilidade de estudantes e de persoal docente. Para o desenvolvemento deste convenio constituirase unha comisión mixta, con representantes designados polos órganos reitores das dúas institucións.

O segundo dos convenio é un convenio específico que contempla accións concretas para comezar esta colaboración, neste caso centradas no intercambio de estudantes entre as dúas universidades para o vindeiro curso académico. Un número máximo de catro alumnos ou alumnas de cada unha das institución poderá participar neste intercambio, que non excederá de dous anos académicos e que está aberto a universitarios que completasen cando menos un ano de estudos académicos. Grazas a este acordo, os beneficiarios non abonarán as taxas na universidade de acollida.