DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A resolución do comité internacional de expertos farase pública este xoves

Internacionalización, especialización e gobernanza, claves na resolución da Comisión Avaliadora dos CEI

22 proxectos, entre os que se atopa Campus do Mar, optan a entre oito e dez mencións

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/10/2010
A mediados do mes de setembro os integrantes da Comisión Internacional Avaliadora do programa Campus de Excelencia Internacional comezaron a análise dos 22 proxectos presentados polas universidades españolas á convocatoria realizada este ano polo Ministerio de Educación. Un proceso de estudo que finalizará este xoves cando o secretario xeral de Universidades faga público o ditame da comisión que establece unha puntuación para cada un dos dous grupos establecidos: os Campus de Excelencia Internacional globais e os CEI rexionais. Entre as dúas categorías a comisión outorgará entre 8 e 10 mencións que percibirán da orde dos 20 a 30 millóns de euros no caso dos CEI globais e entre 7 e 7,5 millóns de euros no dos rexionais. Ademais, algúns dos proxectos que queden fóra destas dúas categorías poderán recibir da orde de 1 ou 2 millóns de euros se son considerados Campus Prometedor.
“Todos os proxectos, os 22” explica Emilio Fernández, comisionado do Campus do Mar, “van a unha convocatoria única e logo é a Comisión Internacional Avaliadora a que os segrega en globais ou rexionais, unha categoría esta última que permite sobre todo a universidades novas e de menor tamaño obter un recoñecemento que dificilmente poden acadar ao competir con institucións de maior entidade”.

A comisión encargada de valorar os proxectos está formada por: o director da División de Física Teórica do Instituto Max Planck para a Óptica Quántica, Ignacio Cirac Saturain; a arquitecta do Estudio EMBT, Benedetta Tagliabue; a directora de Aspectos Interinstitucionais e xurídicos - Programa Marco da Comisión Europea, Clara de la Torre; a directora de Lembra Tech & Business, María Antonia Otero Quintás; o ex presidente da Universidade París VII Diderot de Francia, Guy Cousineau; a presidenta da Universidade Técnica de Berlín, Dorothea Rüeland; a presidenta de Eurodoc, Izabela Stanislawszyn; o reitor da Universidade de Viena, Georg Winckler e o presidente da Liga Europa de Universidades, Bernd Huber. O secretario xeral de Universidades, Màrius Rubiralta e o director xeral de Política Universitaria, completan a comisión en representación do Ministerio de Educación.

Internacionalización, especialización e gobernanza

Polo seu perfil de investigación ou de xestión en centros de referencia, os e as integrantes da Comisión Internacional Avaliadora dispoñen dos coñecementos necesarios para indicar as fortalezas e debilidades de cada un dos proxectos e a partir de aí establecer unha puntuación que determine os campus globais e os rexionais.
“Internacionalización, especialización e gobernanza son os criterios fundamentais sobre os a comisión baseará a súa decisión”, sinala Emilio Fernández que destaca o grao de especialización en Campus de Excelencia Internacional dos integrantes da comisión que segundo explica “non ditaminan en función de criterios xeográficos, senón a partir das liñas estratéxicas de investigación europeas”.

Ademais da internacionalización, a asociación é outro dos criterios que o comité terá moi en conta á hora de decidir as propostas gañadoras. “Trátase de avaliar a capacidade que unha proposta ten para aproveitar o potencial económico e social do territorio no que se asenta”, puntualiza Fernández que destaca a fortaleza que o proxecto Campus do Mar da Universidade de Vigo presenta neste sentido “habida conta da importante agregación acadada nun sector fundamental na economía de Galicia”.
O comisionado do Campus do Mar engade un terceiro criterio aos outros dous sinalados anteriormente e é a gobernanza entendida como a capacidade articular e coordinar a todos os axentes que forman parte de cada un dos proxectos de xeito que se facilite o seu goberno. “Trátase en definitiva”, resume Emilio Fernández en referencia ao traballo que realizará a Comisión Internacional Avaliadora, “ de ver se os indicadores dos proxectos son comparables ao que neste ámbito existe na actualidade en Europa”.

Asignación económica e xestión dos créditos

Dos 90,5 millóns de euros aos que se eleva a asignación económica destinada polo Ministerio ao proxectos que concorren á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional, 15,5 xa foron repartidos o pasado de xuño en función dos resultados da Comisión Técnica. Os restantes 75 millóns de euros en concepto de créditos deberán ser aceptados e xestionados polas correspondentes comunidades autónomas.
A relación de Campus de Excelencia Internacional 2010 darase a coñecer este xoves.