DUVI

Diario da Universidade de Vigo

93 responsables das institucións académicas debullan, na reunión da CICUE en Vigo, estratexias común

Internacionalización e I+D, senda de futuro da universidade española

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 09/06/2011
Internacionalizar as universidades non pode nin debe quedarse na mobilidade do estudantado. A I+D+i pública a través das institucións académicas pode acadar cotas de crecemento importantes alén da fronteiras; pero tamén os docentes e o PDI deben intensificar a súa participación en programas de intercambio; e tamén é unha faceta a desenvolver a presenza, imaxe exterior e prestixio das institucións. Unha amplo panorama que debuxa o futuro das universidades españolas que nestes días debullan en Vigo 93 vicerreitores e representantes das oficinas de relacións internacionais das universidades españolas. Ao abeiro da CICUE, Comisión de Internacionalización y Cooperación de las Universidades Españolas, sectorial da CRUE, avanzarase en “sendas de futuro moi claras”, como explicou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, no acto de inauguración.

Con todo, o director xeral de Política Universitaria, Juan José Moreno, acompañado tamén polo presidente da SICUE, Juan Gimeno, subliñou que queda moito que facer “porque comezamos tarde e dende moi abaixo, pero nos últimos anos avanzouse sensiblemente”. De feito, España non só é o o país de Europa que máis estranxeiros recibe, senón o que máis universitarios envía ao estranxeiro. Pero os representantes universitarios poñen o acento máis aló da mobilidade, “nunha internacionalización que sexa obxectivo estratéxico do sistema universitario e que nos permita non só darnos a coñecer, senón traballar a prol dunha nova economía real e non especulativa e, para iso, debemos internacionalizar a investigación e a innovación”, apuntaba Mato. “O I+D por si só non é suficiente, debemos ver os espazos de oportunidades e amosar o que podemos e sabemos facer”, explicaba, “deixar de lado as diferenzas e buscar sinerxías”.

Coincidía con el o director xeral de Política Universitaria que apuntaba que “aínda que os que estamos aquí somos uns convencidos da causa, temos que levar isto a outros foros e traballar”, apoiándose en ferramentas como o Plan Director de Internacionalización, do que o representante do Ministerio presentou un borrador.

Os campus de excelencia, outra oportunidade

Os campus de excelencia internacional foron outro dos piares que tanto dende o Ministerio como dende as universidades se destacou como fundamental no proceso de internacionalización. Como centros de investigación colaborativos e agregacións estratéxicas, con escolas de posgrao, proxección internacional, captación de talento, etc son unha das ferramentas clave que propón o borrador do Plan Director de Internacionalización que presentou Juan José Moreno. Os obxectivos deste plan responden ás recomendacións da OCDE para a internacionalización como “acelerar o proceso de europeización, converter ás universidades en actores proactivos, estreitar lazos con iberoamérica e o mediterráneo, ou crear centros internacionais que incentiven a docencia de idiomas.

Esta última é unha das eivas do sistema universitario español de cara á internacionalización. Segundo Moreno, este proceso está sometido a ameazas como a virtualización dos estudos que pode minimizar o interese polos programas de mobilidade ou mesmo a crecente calidade de universidades de países como China, “cunha forte tendencia á formación interna”. Fronte a isto, dende o Ministerio apóstase a través deste plan “polo evidente atractivo de España, do que non imos renegar”; pero tamén polas titulacións conxuntas que as normativas doutros estados non permiten ou polos prezos públicos. Así, Moreno remarcou que as universidades españolas deben potenciar as súas fortalezas, entre as que subliñou a estreita relación co sistema de I+D+i (dous terzos da I+D pública xérase na universidades) ou cos países iberoamericanos, “ante os que exercemos de ponte con Europa”. Precisamente a marca Europa, que se xerou grazas á implantación do EEES, é outra das oportunidades que se presentan e que causa inquedanzas en EEUU, “ao poder ofrecer nós tamén un sistema estandarizado de educación”.

Estes serán algúns dos temas que os representantes das universidades españolas tratarán ata mañá venres nesta xuntanza e que concluirán cunha romaría tradicional no campus vigués.