DUVI

Diario da Universidade de Vigo

10 docentes estranxeiros participan na iniciativa

A International Week somerxe a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo nas clases en inglés

Aproveitando a súa presenza celebrarase tamén o II Seminario Europeo de Docencia e Investigación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 04/04/2011
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense está metida de cheo nos actos de conmemoración do seu 25 aniversario. Entre eles está a organización da International Week 2011, que este ano celebra a súa segunda edición coincidindo cunha data tan especial para o centro. Esta Semana Internacional traerá ás aulas ourensás unha ducia de profesores estranxeiros que impartirán clases sobre as súas áreas de especialización e farano en lingua inglesa. O obxectivo, fomentar a internacionalización do centro e dos coñecementos dos seus estudantes.

Durante o acto de inauguración este luns, Ángel Barajas, o seu coordinador, salientaba que esta International Week “é unha oportunidade para integrar diferentes ensinanzas na formación dos estudantes”, pois, ademais de empregar a lingua inglesa, as intervencións dos profesores convidados van a estar inseridas no marco das materias propias dos estudantes. María Lameiras, vicerreitora do campus, tamén quixo recalcar a oportunidade que para os estudantes supón este evento, que amosa “que a punta de lanza da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo é a internacionalización”.

Amplo programa

O luns, martes e xoves, os 10 profesores convidados impartirán as súas clases no salón de graos do centro. Nelas abordarán cuestións como as diferenzas culturais na xestión da información ou a aplicación de métodos estatísticos en economía. En representación dos docentes participantes, o profesor Gergar Feldmeier, felicitou ao centro pola celebración deste evento e salientou que constitúe “unha oportunidade de abrir as súas mentes e intercambiar ideas e experiencias, aprendendo das diferenzas e as similitudes e a través da discusión”. Ademais, apuntou, este tipo de eventos son unha oportunidade “de colaborar e de establecer relacións internacionais”.

Aproveitando a presenza destes docentes foráneos, os días 5 e 7 de abril desenvolverase tamén na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo o II Seminario Europeo de Docencia e Investigación, dirixido ao persoal docente e investigador. O obxectivo do seminario é coñecer a oferta educativa doutras universidades europeas así como avaliar novas metodoloxías docentes e de aprendizaxe. En concreto, a sesión do xoves consistirá nun workshop que, baixo o título GUUGLE - Enjoying excellent learning and teaching, permitirá achegarse en profundidade a este programa educativo desenvolto pola Hochschule Bremerhaven de Alemaña.

Como non podía ser doutro modo ao tratarse dun centro con estudos de Turismo, os docentes participantes completarán a súa estancia coa visita a algúns dos lugares máis emblemáticos de Ourense e de Galicia. Xa o venres uniranse ao acto de celebración do 25 aniversario do centro representando a súa faciana máis internacional.