DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Marco António Cerqueira Mendes Furtado

A interpretación remota, realizada a través de medios audiovisuais, ten a mesma calidade que a realiza 'in situ'

O investigador desenvolveu estudos experimentais con alumnos e profesionais en ambas situacións

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 07/10/2014

Non existen diferenzas substanciais entre a calidade global das interpretacións realizadas in situ, nas que todos o participantes no acto comunicativo están presentes, es as realizadas de xeito remoto, sen o intérprete fisicamente no lugar, senón traballando co apoio de medios audiovisuais. Esta é a conclusión da tese de doutoramento de Marco António Cerqueira Mendes Furtado, que trataba de analizar o impacto dos novos medios tecnolóxicos no desenvolvemento da profesión de intérprete. Con todo, a priori moitos profesionais desconfiaban deste xeito de traballar pola falta de comunicación directa cos oradores o que pode dar lugar a “sensacións de alienación e afastamento do acto comunicativo, así como un aumento da presión psicolóxica e o estrés” entre os intérpretes. Pero tras realizar tres estudos experimentais e comparar os resultados, os datos amosan que non existen diferenzas substanciais e “tanto en termos de comportamento como de rendemento, os resultados son moi semellantes”.

Tres estudos experimentais

Marco António Cerqueira Mendes Furtado, dirixido polo profesor Luis Alonso Bacigalupe, realizou tres estudos experimentais, o primeiro deles con estudantes de interpretación do Máster en Tradución e Interpretación Especializadas no Instituto Superior de Contabilidade e Administração de Porto. Nesta fase o investigador pretendía responder a pregunta de si se producen diferenzas no rendemento dos suxeitos en función de si as condicións de traballo propostas eran as propias da interpretación in situ o da remota. O segundo estudo experimental levouse a cabo “nun ambiente de interpretación remota con estudantes co obxectivo de aclarar dúbidas sobre o impacto real que as interferencias no sinal e vídeo poden ter sobre o rendemento do suxeito durante a interpretación simultánea. Para iso empregouse un discurso gravado no que se introduciron interferencias na imaxe ofrecida do atril da oradora. O terceiro estudo experimental contou coa participación de estudantes e profesionais en condicións idénticas e tiña como finalidade comprobar se unha presentación en Power Point era tan eficaz na modalidade remota como presuntamente o é nunha situación e interpretación in situ, “na que a presenza física podería ter un impacto máis positivo en toda a situación comunicativa”.

Os resultados, ademais de amosar que non hai diferenzas na calidade, deixan datos sobre as preferencias dos intérpretes sobre estes dous tipos de tradución. No tocante aos estudantes, existe unha marcada preferencia pola interpretación in situ. Isto, explica o investigador, “probablemente se deba a que lles invade a sensación de ter un rendemento inferior na situación de remota, mentres que cren ter un maior rendemento cando traballan in situ”. Respecto aos profesionais, a maioría tiñan experiencia profesional exclusivamente no campo da interpretación in situ, sen embargo, a pesar de que algúns suxeitos tiñan manifestado unha actitude desfavorable á variante remota, á que consideraban unha variante de traballo máis problemática, só un membro deste grupo indicou que tivo máis dificultades na situación de remota, unha vez realizada unha tarefa experimental nesta modalidade”.

En resumo, a pesar de que tanto estudantes como profesionais prefiren a variante in situ, “algúns afirmaron en varios momentos que apenas notaron as diferenzas entre unha e outra modalidade, e engadiron que as súas sensacións en canto ás condicións de traballo dos dous ambientes lles pareceron idénticas”.

Unha especialidade en auxe marcadas polos novos xeitos de comunicar

As novas tecnoloxías marcan as pautas dos cambios nos procesos comunicativos. O acceso a internet, as videoconferencias, as contornas virtuais e un mundo cada vez máis globalizado fan que moitas situacións de comunicación se produzan na distancia, sen a presenza dos interlocutores. Polo tanto, no caso de que eses suxeitos precisen dunha interpretación, é habitual que o intérprete tampouco estea presente. Este modelo de traballo virtual imposto “polas condicións do mercado e os rápidos e potentes avances tecnolóxicos” como o describe Marco Furtado, é o que se analiza nesta tese, ofrecendo unha visión global que abrangue todos os aspectos desta especialidade e ofrecendo respostas a unha serie de preguntas que afectan a todos os aspectos que rodean a controvertida cuestión da práctica da interpretación en condicións de afastamento físico das persoas ou grupos entre os que hai que facilitar a comunicación.