DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Erik Hertog abriu o Congreso SOS-VICS cun repaso aos instrumentos da UE para a interpretación

Interpretación para vítimas de violencia, por norma

300 persoas afondan, ata mañá, na profesionalización dos tradutores de vítimas de violencia de xéner

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría e M. Del Río DUVI 25/09/2014

“Os Estados membros velarán por que as vítimas que non entendan ou non falen a lingua do proceso penal de que se trate se lles facilite, se así o solicitan e de acordo co seu estatuto no sistema de xustiza penal pertinente, interpretación gratuíta, cando menos durante as entrevistas, as tomas de declaración nos procesos penais …”. Así comeza o primeiro dos puntos que conforman o artigo 7, Dereito á tradución e interpretación, da Directiva 2012/29/EU sobre dereitos mínimos das vítimas na UE, adoptada en outubro de 2012 e que os Estados membros deberán traducir en lexislación nacional operativa antes do 16 de novembro de 2015. Segundo datos da Comisión Europea, ao ano, hai 75 millóns de persoas vítimas de delitos, persoas ás que con esta directiva se pretende dotar dun dereito a unha mellor protección, información e apoio, incluído o acceso a servizos de tradución e interpretación, caso de precisalos.

Da relevancia desta norma, tanto para as vítimas de delitos, como para os profesionais da interpretación, falou na primeira das conferencias plenarias do I Congreso Internacional SOS-VICS, que hoxe se inaugurou na Facultade de Filoloxía e Tradución coa participación dunhas 300 persoas, o doutor en Tradución e Interpretación e profesor emérito da Universidade de Lovaina Erik Hertog, un das personalidades máis nomeadas do ámbito da tradución nos servizos públicos. Director de varios proxectos europeos e coordinador de diversas actuacións sobre formación, mellora da calidade e formulación de políticas no ámbito da interpretación xurídica, Hertog, realizou na súa intervención, titulada O dereito das vítimas a entender e a ser entendidas, un percorrido polos diferentes instrumentos dos que se dotou a UE ao longo dos anos para garantir o dereito das vítimas a contar con servizos de tradución e interpretación.

A intervención de Hertog estivo precedida do acto inaugural do congreso, que contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o alcalde de Vigo; Abel Caballero; o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa; a coordinadora do proxecto SOS-VICS, Maribel del Pozo e a decana da Facultade de Filoloxía e Tradución, Rosa Pérez.

SOS-VICS, un proxecto para a esperanza

Os e as participantes no acto de inauguración do congreso, que se prolongará ata este venres, coincidiron en sinalar os logros acadados polo proxecto SOS-VICS desde a súa posta en marcha hai agora dous anos. “Síntome moi orgulloso do traballo que realizades,” asegurou o reitor, Salustiano Mato, na súa intervención, na que tamén puxo de manifesto a plena coincidencia do proxecto de investigación cos obxectivos contemplados na estratexia Horizonte 2020, cuxas convocatorias, considera o reitor “son un mundo de oportunidades tamén para os intérpretes”. Mato referiuse no seu discurso ao clúster de linguas, “a agrupación estratéxica que a través da cooperación intelixente permitirá desenvolver proxectos que respondan aos retos sociais”, ao tempo que incidiu na importancia de continuar reforzando a internacionalización, tamén nun ámbito como o da interpretación de vítimas estranxeiras de violencia de xénero, a través de iniciativas como a captación de recursos e o desenvolvemento de proxectos internacionais en temas de igualdade e xénero.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, puxo o acento na importancia da prevención para rematar coa violencia de xénero, e máis aló da “tolerancia cero”, avogou por amosar unha total repulsa cara aos maltratadores. Caballero, que amosou a súa satisfacción por que a reforma da Lei do aborto que pretendía levar a cabo o ministro Gallardón “pasase a mellor vida”, felicitou aos e ás profesionais que conforman o proxecto SOS-VICS, “por estar a carón das vítimas de violencia de xénero”. Neste mesmo sentido pronunciábase o presidente do Consello de Social, Ernesto Pedrosa, que considera o proxecto como “unha razón para a esperanza”, ao tempo que gabou o traballo de SOS-VICS a prol das mulleres.

A coordinadora do proxecto, Maribel del Pozo, aproveitou a súa intervención para adiantar dúas das principais conclusións que se tiran do proxecto, unha vez rematado, e que son, por unha banda, a necesidade de que as mulleres vítimas de violencia de xénero conten con intérpretes desde o momento que transcende a súa situación e ao longo de todo o proceso e, por outra, que eses intérpretes estean especializados e cualificados para desenvolver un traballo que require dunha formación específica.

Da Convención de dereitos humanos á Directiva sobre dereitos das vítimas

Erik Hertog comezou a súa exposición repasando os instrumentos cos que conta a UE para garantir o dereito das vítimas de violencia a recibir información comprensible sobre os procesos nos que estean implicadas. Neste sentido destacou a Convención Europea de Dereitos Humanos como “o documento máis forte” e que xa contempla que as vítimas reciban información nun idioma que entendan a través de intérpretes axeitados. O doutor en Tradución e Interpretación tamén se referiu no inicio da súa intervención ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, para lembrar que algúns estados da UE, como Bulgaria, foran levados a xuízo e condenados por incumprir artigos da Convención destinados a garantir os dereitos da vítimas de violencia.

O, tamén consultor externo do proxecto SOS-VICS, tamén se referiu aos estudos e estatísticas que a UE realiza periodicamente, así como á existencia de programas de acción da Comisión e da Dirección Xeral de Xustiza, como é o caso do Programa Estocolmo, que fai referencia expresa ás vítimas de violencia. Antes de entrar de cheo na Directiva 2012/29/EU sobre dereitos mínimos das vítimas na UE, Hertog detívose na Directiva 2010/64/UE sobre tradución e interpretación en procesos penais, que cualificou de “precedente, ao ser a primeira directiva que fai referencia aos idiomas”. Xa centrado na norma sobre dereitos mínimos das vítimas, Hertog referiuse ao artigo 7 da directiva, para poñer o acento na obriga dos estados en facilitar intérpretes gratuítos ás vítimas, así como que os e as tradutoras estean presentes durante todo o tempo que dure o proceso.

Dúas xornadas para o intercambio de coñecementos

A realización deste congreso corre en paralelo ao proxecto SOS-VICS, Speak Out for Support, no que participan nove universidades españolas, coordinadas por Vigo, co obxectivo de mellorar a formación de intérpretes no ámbito da violencia de xénero, facilitando así a asistencia ás vítimas e contribuíndo á concienciación sobre a necesidade de contar con profesionais da interpretación na realización deste labor. Á plenaria protagonizada hoxe por Hertog, seguiralle mañá a de Marjory Brancroft, directora de The Voice of Love. O congreso complétase con 11 relatorios a cargo de académicos e académicas da interpretación; así como con dúas mesas redondas nas que participarán expertos no ámbito médico- social e no xudicial- policial