DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantado de Tradución e Interpretación colabora no Foro 2010 en Santiago

Intérpretes vigueses poñen voz á cultura da paz

Traballan harmonizando as múltiples linguas que se dan cita neste evento internacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 10/12/2010

O Foro 2010 reúne en Santiago dende o día 3 e ata o 15 a destacados persoeiros de relevancia internacional arredor dun programa de eventos e actividades a nivel mundial que xiran arredor da cultura da paz. Son así múltiples as linguas e as procedencias dos participantes que toman parte nos catro eventos principais deste foro: o Congreso Internacional de Información e Dereitos Humanos; o Congreso Internacional sobre o Dereito Humano á Paz; o Foro Mundial de Educación, Investigación e Cultura de Paz e o Congreso Internacional sobre Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz. Na procura da harmonía e o entendemento entre as diversas culturas e linguas, un grupo de estudantes de Tradución e Interpretación están colaborando como voluntarios tanto en labores de interpretación como de información.

A promotora da iniciativa, a profesora Lara Domínguez, destaca a importancia de este tipo de actividades para que o alumnado se achegue ao mundo laboral nos seus últimos anos de carreira. Así, un grupo de alumnos e alumnas de quinto curso participan como intérpretes nas diferentes modalidades e linguas en máis de 25 actividades, mentes que o alumnado de cuarto participan nos labores de atención ao público e de información.
Domínguez, que tamén colabora como intérprete neste Foro, explica que esta colaboración enmárcase dentro dun convenio para voluntariado das tres universidades, ao abeiro dun contrato en prácticas de 20 horas e a validación dun crédito ECTS.

Unha oportunidade irrepetible

Para moitos destes universitarios, este é o seu primeiro achegamento ao mundo profesional, precisamente nun dos eventos internacionais de máis calado que acolle Galicia nos últimos anos. Arredor da cultura da paz, todos eles traballan arreo “pero coa ilusión de tomar parte nun evento desta envergadura”, explica Domínguez, que coordina xunto coa profesora Silvia Mascunyán aos voluntarios da Universidade de Vigo.

Con xa varios días de traballo en Santiago, o alumnado tamén se amosa satisfeito como explica Marta Peláez, de 4º de Tradución e Interpretación, que recomendaría sen dubidalo esta experiencia a todos os compañeiros. “Cando nos presentaron a posibilidade de facer prácticas neste evento non o pensamos” explica, xa que “non só podemos ver de preto o traballo que imos desenvolver na nosa vida profesional, senón que estamos preto de persoeiros moi relevantes da política, da sociedade e da economía, falando ademais de moitos dos temas que tratamos ao longo da carreira”.

Marta, como os seus compañeiros, leva varios días ofrecendo información a todos os asistentes que o precisan en varias linguas, pero destaca sobre todo poder ver de preto “o traballo dos intérpretes nas cabinas, algo que non temos moitas oportunidades de facer máis aló das prácticas na facultade”. Neste sentido salientan tamén a importancia de ver traballar en directo ás súas profesoras, que tamén colaboran no Foro.

Un encontro de cultural arredor da paz

O Foro 2010 é unha iniciativa promovida orixinalmente polo Seminario Galego de Educación para a Paz e pola Fundación Cultura de Paz e conta co apoio de distintas institucións públicas e privadas, así como de numerosas entidades e organizacións da sociedade civil, especializadas na educación e na investigación para a paz. Entre os participantes neste evento, destaca Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz e do Comité Organizador; o xuíz Baltasar Garzón, Consuelo Vázquez, directora de UNESCO España; David Adams, coordinador do Informe Mundial de Cultura de Paz 2010; Gertrude Mongella, presidenta do Parlamento Panafricano ou Adolfo Pérez Esquivel premio Nobel da Paz.