DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade estivo organizada pola Asociación Centro Trama

A intervención con menores infractores, a debate en Ciencias da Educación

Contou coa asistencia de alumnado e profesionais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 23/05/2018

A Faculta de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da I Xornada de Intervención Profesional con Menores, cita organizada pola Asociación Centro Trama coa colaboración do centro. A sesión celebrada nas instalacións universitarias estiveron centradas na intervención con menores infractores en medio aberto. Durante a cita, abordouse o traballo con este colectivo tanto desde o punto de vista da administración como das entidades que traballan na execución das medidas xudiciais en medio aberto. Ademais, a xornada contou coa intervención do psicólogo, educador e xornalista Jaume Funes, que falou das regras educativas para que as e os menores se convertan en profesionais útiles.  

Durante a benvida ao centro, Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, agradeceu a abordaxe dun “tema nuclear” como o tratado nesta xornada e destacou a importancia dunha formación permanente a través de iniciativas coma esta que redunden en beneficio das persoas atendidas. Pola súa banda, Enrique Arribas, presidente de Trama, subliñou como o traballo neste eido en Galicia “é radicalmente diferente a como se traballa noutros territorios”, destacando taxas de éxito superiores ao 90% de menores que non reinciden despois de cumprir as medidas xudiciais en medio aberto. A clave destes bos resultados en Galicia, apuntou, está en aspectos como a atención multidisciplinar e moi personalizada e apostar pola idea de que “máis que que o menor cumpra as medidas, o importante é que teña unha experiencia reeducativa que mude o seu proxecto de vida”. Neste senso, Loudes Pérez, técnica de Xestión de Medidas Xudiciais, puxo en relevo a importancia da coordinación entre administración e entidades para o bo desenvolvemento destas medidas. 

No caso de Trama en Ourense, comentou en nome da entidade Anxo Valcárcel, cada ano se atende unha media de 168 menores ás e aos que a xuíza ou xuíz determinou medidas como prestacións en beneficios da comunidade ou tarefas socioeducativas. Ofrecéndolle unha atención moi individualizada e un seguimento personalizado e traballando con toda a súa contorna, sinalou, “é raro” o caso de menores que unha vez atendidos pola asociación reincidan en delitos como os cometidos, que van desde as ameazas por redes sociais ata pequenos furtos.