DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Aulas Abertas de Danza despedíronse cunha exhibición de danza-teatro nas rúas da cidade

Por uns intres, a zona vella moveuse a ritmo de danza contemporánea

Moitos foron os viandantes que se pararon a ver o espectáculo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 31/05/2011

Os que optaron por dar un paseo pola zona monumental da cidade pontevedresa este martes pola tarde, seguro que se toparon con algo diferente ao de todos os días que lles impulsou, por un momento,a facer unha pausa na súa ruta. Era o alumnado das Aulas Abertas de Danza, que despediu o curso cunha exhibición na zona monumental da cidade, trasladando todo o aprendido “do interior ao exterior para compartilo con todo o mundo”, comentou María Peña Lombao, coordinadora das mesmas. Tras uns exercicios de quecemento, o grupo de participantes botaron man de todo ao seu alcance para construír unha historia marcada pola curiosidade cidadá.

Unha exhibición pública que mesturou danza e teatro “na que se mostrou todo o que traballamos este ano”, explicou Lombao, conseguindo introducir e involucrar a xente “que simplemente paseaba pola rúa”. Os máis colaborativos, os nenos, “sen prexuízos se entregaban a esa expresión máxima que queríamos conseguir”.

Éxtase

O interior converteuse en exterior nunha actividade na que se empregou o espazo público para dar renda solta á creatividade e á improvisación, “coa que se alcanzou tal nivel de éxtase provocado pola incerteza de non saber o que ía pasar, unido a que todo o mundo nos estaba a mirar”.