DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Mostra de Teatro Infantil de Ourense arrancará o día 25 de decembro

Da invasión dos Iapaclatus á viaxe de Martín e a MOTI de por medio

A pesar da crise a cita cultural de referencia para o público infantil da cidade contará con 15 espe

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 19/12/2012

É Nadal e é tempo de ilusión, sobre todo entre os máis pequenos da casa. Para axudar a alimentar esa ilusión a través da cultura, do 25 ao 30 de decembro Ourense acollerá un ano máis a celebración da súa xa tradicional Mostra de Teatro Infantil de Ourense MOTI. Nesta novena edición serán 15 os espectáculos que representarán outra tantas compañías, procedentes de diferentes puntos da xeografía estatal, no campus universitario, no Auditorio Municipal, no Teatro Principal e nas rúas da cidade. Haberá teatro para bebés, teatro de rúa, títeres, maxia, danza, pompas de xabón e moito máis para conseguir sacar un sorriso aos cativos e cativas e tamén aos seus pais e nais. A MOTI levanta o pano a pesar da crise e faino máis diversa que nunca co desexo de sorprender, de encantar e de divertir a un público especialmente esixente.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Fernando Dacosta, director da MOTI; Ana Garrido, concelleira de Educación, e Olga Mojón, directora do Teatro Principal, foron as persoas encargadas de presentar a 9ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense. “A sinerxía entre as institucións que representamos, como son a Universidade de Vigo, o Concello de Ourense e a Deputación Provincial, é a que fai posible que hoxe esteamos aquí para anunciar unha nova edición da MOTI, unha mostra que amosa o noso compromiso coa cultura en xeral e co teatro en particular e con todos os cidadáns, axudando á formación crítica non só do público adulto senón tamén do infantil”, explicou María Lameiras durante a presentación. Como cita de referencia teatral na cidade para os máis pequenos, tal e como destacou Ana Garrido, a MOTI, engadiu Olga Mojón, é unha excelente oportunidade para “enganchar” aos máis pequenos da casa para ser futuros amantes das artes escénicas.

Moita diversidade

A mostra, explicou Fernando Dacosta, contará este ano con 15 espectáculos, 18 representacións e catro espazos de actuación e abranguerá idades e xéneros moi diversos, como o teatro de actor, para bebé ou de rúa, maxia, a danza, os malabares, os títeres, as pompas de xabón, o clown e un longo etcétera de propostas. As actuación comezarán o martes día 25 na Rúa do Paseo co espectáculo A invasión dos Iapaclatus, de Trécola Teatro, e pecharase o día 30 coa obra A viaxe de Martín e un concerto didáctico de SON+D2. Ao longo dos cinco días de actuacions, os espectadores poderán gozar coas obras dos grupos galegos Katarsis, Cayetano Lledó, Pista Catro, Caramuxo Teatro, Elefante Elegante e Experimenta Danza; dos andaluces El Espejo Negro; dos madrileños Titiriguiri Teatro, dos asturianos Teatro del Cuervo, e dos galego-vascos Circo Chosco.

Coma en anteriores edicións, o campus de Ourense terá un papel destacado nesta programación. Por unha banda, o mércores 26 de decembro a Aula Infantil de Teatro Universitario Geppetto estreará no Auditorio Municipal a súa obra Pés de cristal, destinada a nenos e nenas maiores de catro anos. Por outra banda, a sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro acollerá varias actuacións cuxa recadación se destinará a UNICEF, sendo o custe de cada entrada tres euros. Concretamente, o día 26 térá lugar a representación Grande máis grande, de Katarsis; o día 29 A que sabe a lúa?, de Titiriguiri Teatro, e o día 30 a peza A viaxe de Martín, tamén desta última compañía.

Cun descenso nos orzamentos, Fernando Dacosta quixo agradecer ás tres institucións participantes o seu compromiso co teatro e coa celebracion da MOTI. “Son tempos complicados pero a cultura é un dereito da cidadanía. A cultura é a que nos fai cambiar e a que nos dá o espírito crítico necesario para no futuro non volver a situacións coma a que estamos”, explicou o director da Mostra de Teatro Infantil de Ourense, que este ano conta cun orzamento que se achega aos 50.000 euros.