DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Departamento de Física Aplicada dispón de catro tanques para cultivo cedidos polo Talaso Atlántico

Investigación balneoterápica con microalgas de seu

En paralelo estudan as propiedades do biofilm que se fixa nas paredes dos depósitos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/03/2014

Catro mil litros de auga de mar contidos en tanques, sometidos a un control de pH mediante o subministro de CO2, iluminación artificial e adición controlada de nutrientes, permiten aos membros do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo (FA2) obter semanalmente un quilo de pasta de microalgas co que seguir avanzando nas súas investigacións sobre técnicas balneoterápicas. Os organismos acuáticos, que ata hai pouco tiñan que comprar, poden agora cultivalos nas instalacións do Hotel Balneario Talaso Atlántico de Oia, que cedeu parte das súas instalacións ao departamento, que centra o seu traballo nas especies Nannochioropsis gaditana e Tetraselmis suecica, “que teñen un elevado valor engadido desde o punto de vista cosmético, polo seu contido en antioxidantes, pigmentos, aminoácidos, vitaminas, polisacáridos e outras substancias de gran interese”, explica José Luis Legido, director do departamento.

Baños nos que se emprega o propio cultivo e envolvementos de microalgas, con aplicación directa sobre a pel dun concentrado cunha elevada porcentaxe dos organismos acuáticos, son as técnicas balnoterápicas que se van desenvolver como parte “dunha investigación que está en fase inicial, na que estamos probando os efectos que teñen sobre a pel”, explica María Carmen Martín, membro de Departamento de Física Aplicada, que apunta ao uso cosmético das algas, aínda “que nun futuro se pretende que as investigacións nos leven a poder conseguir logros no campo médico”. Neste sentido, o director do departamento, José Luis Legido, sinala que “estivemos revisando a bibliografía existente e as algas son moi ricas en principios activos que poderían ser de moito interese no campo médico, sobre todo para tratar problemas de pel”.

Unha colaboración que comezou hai case unha década

A cesión por parte do Hotel Balneario Talaso Atlántico de parte das súas instalacións para a colocación dos tanques destinados ao cultivo das microalgas, vén a reafirmar a colaboración que o centro termal e o Departamento de Física Aplicada comezaron no ano 2006 co curso de extensión universitaria de Termalismo, ao que posteriormente seguirían o mestrado en Física Aplicada e na actualidade, tamén, no de Ciencia e Tecnoloxía:Termalismo e Balnoterapia.
Desta volta, foi o departamento o que lle propuxo ao hotel participar neste estudo con microalgas e “a verdade foi que aceptaron a proposta moi ben, sen dubidar nin un só momento e con moito interese”, explica Martín, que valora de xeito moi positivo esta colaboración, “que nos abre a posibilidade de traballar fóra da Universidade, noutro espazo, con instalacións diferentes e sobre todo, coa perspectiva que achega un empresario”.

As instalacións cedidas para a investigación que o departamento está a realizar constan de catro tanques pechados de aproximadamente mil litros de capacidade cada un, con accesos directos e individualizados á auga do mar que se usa no propio balneario. Para poñer en marcha o traballo foi precisa a adaptación dos tanques con achega de luz, CO2 ou axitación para facer posible o cultivo das microalgas.

O biofilm, un substrato a investigar

A posibilidade de dispor duns tanques de seu para a realización do seu traballo, abriulle a porta ao Departamento de Física Aplicada (FA2) a unha nova liña de investigación. E é que en paralelo a actividade que desenvolven coas especies Nannochloropsis gaditana e Tetraselmis suecica, están a realizar unha investigación sobre as propiedades do biofilm que se deposita nas paredes dos tanques de cultivo, un substrato que podería ser tamén utilizado para a súa aplicación en diferentes tratamentos terapéuticos. “O biofilm no campo da cosmética mellora diferentes características da pel, como é a hidratación, a elasticidade, ademais de axudar á regulación do sebo cutáneo, entre outras”, explica Legido, que sinala que en terapéutica están a estudar as súas posibles aplicacións a enfermidades da pel como a psoríase, dermatite ou acné.